Vilar de Santos conmemorou a descuberta da arracada, unha peza castrexa que é símbolo do municipio

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

A xornada contou con varios expertos que falaron do valor da peza descuberta
A xornada contou con varios expertos que falaron do valor da peza descuberta

O Museo da Limia organizou unha xornada para amosar esa peza e divulgar o seu valor patrimonial

23 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O salón multiusos do Concello de Vilar de Santos acolleu os actos organizados para conmemorar o centenario da descuberta da arracada, unha peza castrexa que é das máis emblemáticas do patrimonio arqueolóxico galego. A xoia foi atopada por un labrego, Benito Saburido, no lugar de Albariño cando estaba traballando nunha terra no ano 1924.  No 1988, pasou a integrarse no escudo do Concello de Vilar de Santos.

A conmemoración do centenario da descuberta da peza contou con varios expertos que falaron da relevancia histórica, cultural e identitaria desta xoia da ourivería antiga, nun acto que foi presentado por Xosé Carlos Sierra Rodríguez, exdirector do Museo Etnolóxico de Ribadavia e membro do consello asesor do Museo da Limia. Bieito Pérez Outeiriño, exdirector do Museo das Peregrinacións de Santiago e presidente do grupo Marcelo Macías, fixo unha minuciosa exposición e análise da peza e reflexionando sobre a importancia do patrimonio material en relación ao papel social dos bens culturais e destacando que «non deben ser só para deleite e contemplación, senón que se deben apreciar na súa totalidade xa que están dotados dun valor documental que debe chegar á sociedade, tendo esta un papel activo na súa difusión e comprensión».

Josefa Saburido, neta do descubridor da soia, recibiu unha peza conmemorativa en agradecemento á familia
Josefa Saburido, neta do descubridor da soia, recibiu unha peza conmemorativa en agradecemento á familia

Tamén falou Francisco Fariña Busto, exdirector do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que contou como foi o proceso de elaborar un emblema heráldico para unha institución no que a protagonista era esta singular peza. José César Llana Rodríguez, o director actual do Arqueolóxico, destacou tamén tanto o valor histórico como o artístico, e valorou  o esforzo levado a cabo para que a toda a cidadanía poda desfrutar desta orixinal peza. Antón Jardón Dacal, coordinador do Padroado do Museo da Limia, falou do papel do museo na conservación. «Hoxe é un día de luxo, cúmplese o centenario dunha peza única e representativa que apareceu en Albariño e que atopou o señor Saburido por casualidade. O que non é casualidade é o que pasou despois de 1924. A asociación do Padroado do Museo da Limia sempre quixo aproximar o coñecemento desa parte da nosa historia e con esta proposta puidose levar a cabo este acto tan importante para a súa conmemoración», dixo. O broche final da cita foi a entrega dunha peza honorífica á familia de Benito Saburido, en concreto a Josefa Saburido Traveso, neta do descubridor, como recoñecemento ao seu papel fundamental na preservación desta peza histórica.