
A fundación que leva o seu nome entregou na cidade o seu premio de microrrelato
01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Liceo de Ourense acollía este sábado un acto na memoria do escritor que sempre se referiu á institución como a súa casa na cidade, e a entrega do Premio de Microrrelato Carlos Casares converteuse nunha festa da cultura galega. Música, danza, teatro, pintura e literatura déronse cita nunha convocatoria que tivo aos futuros escritores que empezan a agromar como protagonistas.
Nerea Rodríguez Martínez, do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, levou o premio deste ano pola súa obra Vinte e dous máis un. Mauro Alexandre García Eléxpuru, do mesmo centro, quedou de finalista co seu texto A dor perdura e o seu galardónfoi recollido por Carlos Ferreiro, director do instituto. Co accésit recoñeceuse un pequeno texto, de dúas liñas, titulado Herba, de Rodrigo Díaz Enríquez, do Lagoa de Antela de Xinzo de Limia.
Hakan Casares, fillo do escritor e administrador da fundación que leva o seu nome, lembrou que o Liceo era a casa do seu pai e que el se sentiría orgulloso do premio e dos galardoados porque sempre amosou a súa paixón pola literatura para os máis novos.
O acto de entrega do premio abriuse coa Rhapsodia interpretada pola Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios (Godomar), dirixida por María García Bustos. O público tamén puido gozar dunha versión libre de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, en tres actos. Estiveron protagonizados pola danza de Lupe Carballo, a música do Dúo Carrera e o teatro dos compoñentes de Cantos e Contos. Durante a posta en escena o artista Xosé Poldras foi pintando un cadro en directo, que foi entregado ao rematar a representación do salón nobre do Liceo.