Nós creou cinco pezas audiovisuais sobre o autor que se estrean este sábado
21 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A figura de Vicente Risco (Ourense, 1884 - 1963) volve estar de actualidade. A celebración do 140 aniversario do seu nacemento, que se cumpriu o pasado día 1 de outubro, é a que ten xerado todo un amplo programa de actividades para lembrar e reivindicar o legado e a obra do intelectual ourensán. A Fundación Risco, con sede en Allariz, é a principal organizadora das propostas que se están a desenvolver por toda Galicia nos últimos meses.
E ás mesmas sumarase nos próximos días un novo proxecto, que chega dende o sector audiovisual. O programa «Os trazos de Risco» é unha iniciativa de Nós Televisión na que se propón un achegamento á figura do autor da Teoría do nacionalismo galego a través de cinco pezas que se poderán ver en diferentes plataformas —Nós figura na oferta dos paquetes da operadora R—. A estrea está prevista para este sábado, día 23.
O proxecto contou co apoio da Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e da Deputación de Ourense e foi presentado este mércores no Marcos Valcárcel. Valentín García, da Xunta; Rosabel Candal, de Nós Televisión; e Marcos Vázquez, do organismo provincial, participaron no acto. As conversas de «Os trazos de Risco» foron gravadas no Teatro Principal de Ourense e nas mesmas participaron o propio Valentín García, Celia Pereira Porto —presidenta da Fundación Risco—, Alfonso Vázquez Monxardín, Luis Martínez Risco e Isabel Risco, entre outros.