Alumnas do colexio Divino Maestro de Ourense gañaron un concurso de robótica e drons

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

As integrantes do equipo gañador: Daniela, Alba, Nerea e Carla.
As integrantes do equipo gañador: Daniela, Alba, Nerea e Carla. Santi M. Amil

O equipo logrou dous premios no certame galego de innovación tecnolóxica organizado por Igaciencia

05 nov 2024 . Actualizado a las 10:03 h.

O gusto pola robótica parece que prendeu no alumnado do colexio Divino Maestro de Ourense. O pasado ano xa conseguiron un premio no Concurso Galego de Robótica pero neste volveron da cita organizada por Igaciencia e o Concello de A Coruña con dous galardóns. O equipo ourensán chamou a atención no só polo seu bo facer nas diferentes probas que os participantes teñen que ir superando, senón porque estaba composto integramente por rapazas. Carla González, Nerea Vázquez, Alba González e Daniela Feijoó son catro alumnas que fixeron realidade a dobre vitoria deste ano. Aínda que xa participaran na edición pasada, xa que o centro leva varios grupos á cita, daquela non conseguiran elas o premio, senón outro dos equipos do colexio. Pero desta volta resarcíronse. Foron a escuadra gañadora da decimoquinta edición do Concurso Galego de Robótica na súa categoría (son alumnas de terceiro da ESO) e tamén da cuarta edición do Concurso Galego de Drons. Detrás dese interese pola robótica está o profesor de Tecnoloxía e Informática, Daniel López Ben, que traballa co alumnado durante todo o curso.

As alumnas ourensás, as catro primeiras pola esquerda na fila de abaixo, co resto de premiados nas distintas categorías
As alumnas ourensás, as catro primeiras pola esquerda na fila de abaixo, co resto de premiados nas distintas categorías EDUARDO PEREZ

«A verdade é que dedicamos moitas horas a practicar e o que non saía repetiamolo», comenta Carla. O equipo conseguiu completar con éxito os vinte retos que se propoñen aos concursantes. O máis difícil, contan, foi lograr que o robot conseguise ler a intensidade dunha fonte de luz para avanzar. Tamén tiñan ben entrenado o manexo do dron. O centro adquiriu un co premio obtido polos gañadores do pasado ano.

As integrantes do equipo están encantadas co éxito colleitado. Algunha, como Alba, incluso ten esa área de coñecemento nas quinielas para elixir o seu futuro profesional. «A min encántanme a informática e a robótica e penso que no futuro farei algún cursiño sobre estas materias. Véxome ou como informática ou como policía», conta. As outras, sen embargo, recoñecen que as súas aspiracións van por outro camiño. «Nerea e máis eu planeábamos facer xuntas medicina forense ou criminalística», comenta Carla. «Eu son máis de letras. Pensaba en filoloxía», apunta Daniela.