Teatro Só protagoniza a xornada coa súa montaxe «Sorriso»
19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Praza de San Martiño (Ourense) e praza Maior (Celanova) • 13.00 e 18.30 horas • A vila de Celanova incorporouse este ano aos escenarios do Festival Internacional de Teatro de Ourense e á mesma chega esta tarde a primeira das propostas escénicas. Unha xornada na que a compañía portuguesa Teatro Só, con sedes en Odemira e Berlín, representará a súa montaxe de rúa «Sorriso». O FITO propón dúas sesións para esta xornada e o espectáculo poderase ver pola mañá en Ourense e pola tarde en Celanova.
O grupo que hoxe protagoniza o festival caracterízase por desenvolver un traballo multidisciplinar que relaciona a técnica da máscara, o teatro físico, as artes circenses e as artes plásticas.
Amor que perdura no tempo
A proposta de Teatro Só é froito dun reto: «Como escribir unha historia de amor, dun amor que perdura no tempo, que enche unha vida ata o crepúsculo e que nunca acabou para aquel que aínda contempla o pasado?». «Sorriso» non se inspira na morte de Romeo e Julieta, senón na vida en común dunha anciá parella, para quen o amor é esa vida completamente realizada. Nesta historia a morte dun axexa con soidade a vida do outro.