Perplexidades e resignacións

Diego Ameixeiras

OURENSE CIUDAD

INTERNET

23 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lémbranme o silencio de Tom Waits, que leva máis dunha década sen publicar cancións novas. Adoito estremecerme cando soa a bucina dun Oldsmobile mesturada cos acordes iniciais de (Looking for) The Heart of Saturday Night, tema que titula ese álbum portentoso que cumprirá medio século en outubro deste ano. Arrinca un coche a finais de 1974 e ponse en marcha a suave melancolía dunha noite de sábado, un amor recente que transita por un bulevar, unha promesa dentro dunha botella de whisky, a vida baixo o neon dos últimos clubs abertos na cidade. Na memoria gardo o eco da bucina dun Seat 124 azul que conducía o meu pai por Ourense cando eu era un neno que aprendía a escribir na escola. Atravesabamos xuntos a Ponte Vella, dende o Ribeiriño ata o Posío, e o son daquel mecanismo entre o tráfico do Progreso convertíase na banda sonora infantil da plenitude. Defenden uns científicos da universidade de Stanford que o envellecemento seica non é un proceso lineal, que encanecemos por fases, como a empurróns, principalmente entre dous períodos que se atoparían entre os 44 e os 60 anos. Juan Marsé, en cambio, sostiña a teoría de que avellentamos en dirección á infancia, collendo ese rumbo tan correcto que consiste en retomar o contacto co cativo que fomos. Todo son bifurcacións. Debe ser por iso polo que ás veces, de madrugada, saio á fiestra do meu salón para ver se pasa algún Seat 124 e vou sentado nos asentos traseiros descubrindo o poder dun lapis. Non perdo a esperanza, pero de momento non ocorre. Podo confirmar, iso si, que aspiro a atoparme algún día con aquel neno da bucina para dicirlle, con permiso de Herman Hesse, que a paciencia vén sendo esa disciplina tan dura sobre a que sosteñen as mellores recompensas da vida. Para dicirlle que sigo a escribir nun caderno porque non atopo outro consolo fronte á realidade, cada vez máis áspera. Para dicirlle que me sentaría ben escoitar material novo dese señor californiano chamado Tom Waits e que agardo velo en Father, Mother, Sister, Brother, o vindeiro filme de Jim Jarmusch. Para dicirlle que recentes estudos xenéticos demostrarían que envellecemos sometidos ao designio de estraños refachos, coas mesmas perplexidades e resignacións dos que nos precederon. Para dicirlle, en definitiva, que os días van pasando e que xa o advertiu José Luis Sampedro: «Solo vale la serenidad cuando debajo hay fuego».