Ourense celebra o centenario de Olga Gallego

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Mostra de homenaxe a Olga Gallego no Gaiás
Mostra de homenaxe a Olga Gallego no Gaiás Sandra Alonso

Unha ofrenda floral e unha mesa redonda lembrarán á que foi directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense

09 dic 2023 . Actualizado a las 16:24 h.

Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923 - 2010) naceu o 8 de decembro de hai un século. Unha circunstancia que se ten lembrado con iniciativas en Vigo e Compostela, ademais da edición dun selo conmemorativo por parte da Sociedade Filatélica Miño, entidade á que estivo vencellada.

A próxima semana será homenaxeada na súa cidade natal a que foi, entre outras moitas cousas, a principal impulsora e directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, peza clave na investigación sobre a cidade e a provincia, membro das fundacións Penzo e Anabad —Asociación Profesional de de Técnicos de Arquivos, Bibliotecas e Museos— e da Real Academia da Historia e da Real Academia Galega. Olga Gallego converteuse, en 1986, na primeira muller en entrar na RAG. Entre outros moitos galardóns, o seu traballo foi recoñecido coa Medalla Castelao e co premio Trasalba. A xornada de homenaxe celebrarase este luns, cun programa de actividades promovido polo Grupo Marcelo Macías, en colaboración co Arquivo e o Museo Arqueolóxico. A homenaxeada presidiu durante anos o Marcelo Macías.

O día 11 haberá unha ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, onde está soterrada a homenaxeada, ás doce da mañá. Pola tarde, no Liceo de Ourense e a partir das sete e media da tarde, haberá unha mesa redonda. A mesma levará por título «Olga Gallego, na historia e na lembranza» e nela participarán Francisco Fariña, Pablo Sánchez Ferro, Iolanda Barriocanal, Xulio Rodríguez e Afonso Vázquez-Monxardín.

Mostra no Gaiás

A Consellería de Cultura inauguraba o 7 de novembro a mostra «Olga Gallego no seu centenario (1923-2010)». A mesma, que se pode visitar no Gaiás ata marzo do 2024, está formada por documentos, libros, fotografías e obxectos.