Raquel Castro, escritora: «Falta saber que o teatro tamén serve para ler»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Raquel Castro ha publicado ocho obras de teatro infantil
Raquel Castro ha publicado ocho obras de teatro infantil cedida

A mestra e escritora galega abre este mércores (18.00 horas) o noveno ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que organiza a Facultade de Educación e Traballo Social no campus de Ourense

25 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Raquel Castro forma parte do limitado grupo de escritores galegos que destacan na súa aposta pola dramaturxia destinada ao público infantil e xuvenil. Das once obras que leva  publicadas esta licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, oito son de teatro.

—Por que optou por este xénero literario?

—Eu empecei a escribir teatro por unha necesidade, porque impartía talleres na asociación teatral Ata Sempre, de Salvaterra, e atopábame con que non había textos para a rapazada. Si había teatro para os nenos como espectadores, como público, pero non para que eles mesmos fosen os protagonistas, para que interpretasen. O de empezar a publicar foi unha cuestión casual. Un deses textos que escribín e non chegamos a representar quedou nun caixón ata o ano 2014, e como estaba inédita ocorréuseme mandalo ao concurso da Fundación Neira Vilas. Aquel ano gañou Carlos Labraña pero tiven a sorte de que me deron unha mención de honra e, como o premio incluía a publicación, iso serviu para as editoriais me empezaran a pedir obra.

—Que aporta unha obra escrita xa para teatro fronte a coller un conto e adaptalo para unha representación?

—Aparte de que xa te un traballo feito, o máis imporante e que si ti estás na escola ou nun taller de teatro, non podes coller á metade da clase ou do grupo e poñelos a facer de árbores ou pedras. Nunha obra teatral incorpóranse moitas personaxes secundarias ou corais que poden, por exemplo, encaixar moi ben eses rapaces máis tímidos, aos que lles costa asumir un papel protagonista, por exemplo pero que así forman parte activa na historia.

—Por que cre que non hai tanta demanda deste xénero cando o habitual é que incluso cando lemos calquera historia aos pequenos poñamos voces?

—É, efectivamente, unha paradoxa. Eu entendo que é por descoñecemento, porque a literatura dramática promociónase pouco, aínda que imos mellorando. Tanto no cole como na casa, cando pensas nun libro para que os rapaces entren no hábito da lectura, pensas en narrativa. Falta saber que o teatro tamén é para ler, porque podes facer lecturas compartidas de forma moito máis áxil, asignando unha personaxe a cada alumno, que tamén aprenden a entoar. Unha lectura dramatizada é moi diferente a ler un texto cun ton plano, préstase ao xogo e iso fai a clase máis divertida e dinámica e axuda a interiorizar e concentrarse na historia que están lendo, entre outras vantaxes.

Por exemplo?

—Unha das cousas que ten o teatro é que o actor ten que esquecerse de el mesmo, como ben dicía o outro día Meryl Streep e teñen que meterse no personaxe sen xulgalo. E iso, na pequena escala infantil educativa, tamén axuda á rapazada a meterse no papel doutra xente e entender outras formas de vivir, de ser e de pensar. Axuda a ser máis tolerante, que é algo que me parece fundamental e necesario aprender.