Acariñando na balea o lombo da historia

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Naval, retratado en Caneliñas (Cee) nas naves abandonadas da factoría baleeira de Ibsa.
Naval, retratado en Caneliñas (Cee) nas naves abandonadas da factoría baleeira de Ibsa. BASILIO BELLO

Chisco Naval coroa case 20 anos de traballo en «Ser cetáceo», un ensaio que indaga o estreito e rico vínculo cultural de Galicia con estes xigantes mariños

08 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu cun peso de cinco quilos, «rosado e groso coma un anxo», o que lle valeu un alcume: o Cachalotiño da Pepita. Disque predestinado a amar o océano e os cetáceos, aínda estando domiciliado na rúa San Domingos de Ourense. Francisco X. Fernández Naval (1956), Chisco, sabía dende hai moito que escribiría sobre baleas. Non só por aquela forma de chegar ao mundo, é que sempre se sentiu conmovido polos cetáceos, xa sendo cativo. «Había uns álbums para nenos dunha serie dedicada ás marabillas do universo, e nos que se centraban na ciencia, na rama da bioloxía, certas páxinas eran só sobre os cetáceos; pois ben, os cromos das baleas tíñaos todos», conta sen ocultar certo orgullo.

Non foi ata o 2004, ano en que emprende coa súa muller, Maribel Longueira, viaxe á Patagonia, xa sendo un home de idade, cando comeza a escribir o que dará no 2023 en Ser cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo (Editorial Bululú). «Empecei despois de acariñar o lombo daquela balea na Arxentina», lembra con voz aínda tomada pola emoción. En Puerto Madryn agardábanos dou amigos arxentinos: Jorge Omar, fillo dun pretendente da nai de Chisco que emigrou a Bos Aires, e José Luis, fillo de italiana e galego de Ons. Os catro alugaron unha gomona —«unha lancha pneumática na que te apoiabas no bordo da embarcación e mollabas a man no mar»—, con piloto ao temón, e saíron a navegar.

De repente rodeáronos as baleas. «Alí é cousa normal. Miraban para nós. Había unha femia cun baleato, cuxa cabeza sae retratada no libro, e de socato enfiou cara a gomona, viña ao nivel da superficie co corpo asomando levemente fóra da auga. Como teñen moitos parasitos na pel, gústalles rozarse contra a barca suavemente. Cando pasou canda nós púxenlle a man na cabeza e foi deslizándose amodiño ata chegar á cola. A miña palma percorreu todo o longo do seu corpo. Foi unha experiencia marabillosa», lembra. 

Hoare e Tornatore, bloqueos

Tras esta revelación púxose á tarefa con entusiasmo ata que no 2010 apareceu Philip Hoare e o seu ensaio Leviathan, or the Whale traducido ao castelán. «Interrompín todo. Gardei o material nun armario. Aquilo paralizoume. Quedei abatido. Naquelas páxinas estaba dalgunha maneira o meu tema, tratado coa mesma filosofía. Sentín que me comera o ton, as intencións, o xeito en que quería construír a historia estaba alí reflectido», corrobora.

Non foi ata o 2016 cando recuperou o labor por unha razón ben pouco científica. «O meu amigo Andrés tróuxome de Italia unha edición do Pinocho e dedicouma cun ‘Chisquiño, aí fóra as baleas agardan por ti'. Reaccionei», relata. Son cousas que pasan. Algo semellante lle ocorre cun traballo sobre o cine, que tamén sabe que abordará si ou si. Porque el criouse en Ourense no cine do seu tío avó Manuel Xesteira no que traballou seu pai, e onde xa vía películas antes de saber ler. Pois ben, a estrea do filme Cinema Paradiso, de Giuseppe Tornatore, ten bloqueado dende 1988 ese libro cuxa escritura algún día tamén retomará.

No caso das baleas, decidiuse definitivamente no 2016 e empezou a viaxar aos santuarios dos rorcuais de Nantucket, New Bedford, Antártida, Islandia, Azores, Exipto... «Fun buscalas e me lancei a escribir, pero levoume un tempo, seis anos de traballo».

Para entón tiña esquecido a Hoare, aínda que inevitablemente habería confluencias nos seus textos, porque a balea é animal tan icónico que inevitablemente haberá que falar de cousas como Moby Dick ou Xonás. «Porén, o meu enfoque era moi dende aquí. Tentando relacionar este país co resto do planeta a través dos cetáceos. Seguindo aquilo que dicía Staffan Mörling de que Galicia non é o final da terra senón que é o centro do mar. Así, dende a atalaia do cetáceo, busquei construír un relato que nos vinculase no tempo histórico e prehistórico, sen desbotar a economía, con todos os outros países. Faltan, claro, algunhas culturas da balea, porque érame imposible abranguelas todas, pero está o Índico, o Ártico, África... A balea posúe un valor moi singular e todas as comunidades litorais téñenlle un gran respecto. O home branco do século XIX perdeullo, incluso xa no medievo, pero segue a suscitar moita veneración nas culturas desenvoltas á beira do mar», argúe Chisco Naval.

Os psicopompos, a potencia luminosa do espermaceti, o ámbar gris e o negocio republicano

A Chisco Naval nada lle é alleo. Quixera saber cal foi a sensación do primeiro ser humano que viu abrollar da auga unha balea. Xa dende o Neolítico foi un animal totémico, como amosan os colares de ósos de cachalote atopados ou as figuras gravadas en Dombate que (hoxe sábese case seguro, di) son un cardume de cachalotes cabalgando as ondas. «A balea é un animal psicopompo [en mitoloxías e relixións, conduce as almas dos defuntos cara a ultratumba], porque tivo que chamar moito a atención por como aparece e desaparece no mar, no abisal, entre a luz e a sombra, o visible e o invisible, a vida e a morte», remarca. É así como quedará reflectida despois na arte grega, na romana, no románico, no gótico... en todas partes e épocas.

Non todo é maxia. Tamén hai industria. «En Carnota sempre se dixo que a balea é coma o porco, todo se aproveita». Por iso a caza foi un negocio florecente durante séculos, en ocasións depredación salvaxe. E non só pola carne, moi abondosa na balea. No caso do cachalote, era cobizado polo espermaceti, substancia aceitosa moi fina que contén en importantes cantidades a súa zona cranial e cuxa combustión ofrecía unha luminosidade moi pura. No século XIX, este produto era a base da potencia enerxética dos EE.UU. e alumeaba as capitais do planeta dende Lisboa a Moscova. Os americanos tiñan máis de 300 barcos navegando todos os océanos do mundo todo o ano para manter vivo o subministro. Foi unha compañía baleeira, anota Naval, a que «achou petróleo en Pensilvania froito das investigacións para atopar enerxías alternativas; só entón entrou en declive a caza masiva do cachalote».

Tivo o seu momento a obtención de ámbar gris [excremento de cachalote que se alimenta de lura xigante e non dá dixerido os seus elementos coriáceos] para o sector perfumeiro, que dende os exipcios coñece o seu valor como fixador de recendos.

A industrialización da captura de baleas en Galicia foi tardía e xiraba en torno á carne, sobre todo cando chegan os xaponeses a mercala nos anos 70. A Naval chámalle a atención como as xentes tras as sociedades que se unen para conformar Ibsa (Industria Ballenera SA) proviñan da esquerda republicana. A empresa rexentaba as factorías de Caneliñas (Cee), a máis grande da Península e a última de Europa en pechar, a de Massó en Cangas e a de Morás en Xove. A actividade fabril de Ibsa viviu momentos de moita tensión e violencia e ata sufriu ataques con bombas.

Unha viaxe circular de máis de sesenta millóns de anos

O libro Ser cetáceo é un ensaio medio autobiográfico, persoal, un texto narrativo escrito en primeira persoa, a voz do narrador, que rompe un pouco co concepto tradicional do ensaio. Introduce, por exemplo, relatos como a terrible historia de Lucrecia, o feminicidio da responsable da Casa de Montaos de Caión, asasinada en 1589 polo home, Francisco Menchaca, dentro da carruaxe que a levaba camiño de Valladolid e diante dos seus dous fillos e as donas que a coidaban. «Foi o bárbaro intento de Menchaca e o seu pai por quedar co monopolio sobre a caza de baleas no porto de Caión que ostentaba a Casa de Montaos, e abofé que o conseguiron», subliña Chisco Naval sobre uns feitos reais dos que quere dar fe. «O libro utiliza como soporte todos os xéneros literarios que eu utilicei na miña vida, narración, ensaio, poesía, entrevista, caderno de viaxes, hai un pouco de todo e segundo o que teño que contar un prima más ca outro», detalla.

O ton de ensaio prevalece, pero esa primeira persoa facilita a lectura, faina doada, e «iso axuda porque a xente cando ve o número de páxinas do libro bótase para atrás aínda que despois remate axiña» un volume que non anda lonxe das cincocentas páxinas. O tomo é algo cachalotiño tamén. «É que pesa 955 gramos —recorda o autor divertido—, que mo dixeron en Correos cando mandei un exemplar a un amigo».

Un quilo de literatura, que dirían na cantina, e que parece ter unha clara aspiración totalizadora que Naval non nega. «A última viaxe que fixemos foi ata o deserto do Sáhara para ver o xacemento marabilloso da Unesco de Wadi-Al-Hitan no que se atoparon 1.400 fósiles de basilosaurio, antecedente dos cetáceos que coñecemos actualmente. Teñen unha vintena musealizada, os demais continúan baixo terra, localizados. Son máis de sesenta millóns de anos os que nos separan. E conto iso porque está nos versos de Ana Romaní no poemario Estremas». A aventura de Ser cetáceo ten un carácter circular, xa que dalgunha forma comeza no Plistoceno en Ferrol no imprescindible museo da Sociedade Galega de Historia Natural, na Casa do Coronel, «que conserva unha das mellores coleccións do mundo de fósiles de zifios, e —nun percorrido ata os días de hoxe no que vou contando a nosa relación e a do mundo cos cetáceos— remata de novo case no Plistoceno, en Wadi-Al-Hitan, a 150 quilómetros ao sur do Cairo», puntualiza o escritor.