Visitar a catedral

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

04 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrei á catedral pola mesma porta pola que levo entrando toda a miña vida, pola do lado da casa. En Ourense, na zona na que crecín (nos viños), a catedral sempre foi un dos remansos de paz máis fascinantes dunha cidade ás veces complexa. Un lugar no que podías simplemente estar, refuxiarte, foras ou non a misa, foras católico ou non. Cando entrei lembráronme que se ía facer unha «visita» tiña que pagar entrada, e eu respondín que ía visitar aos santos da miña nai e pasei co meu amigo dos Estados Unidos que estaba estes días en Galicia. E fun a visitar a Santa Rita, e á Inmaculada, e ao Cristo dos Desamparados, e en canto saín da capeliña na que tanto tempo teño pasado pasmando, pensando ou estando, unha persoa da empresa que explota a catedral achegouse a min para dicirme que observara que non estaba visitando aos santos senón que estaba visitando a catedral, e que por iso tiña que pagar. Expliqueille que son de alí, que crecín alí metida, que levo visitando estes santos así, de paso, desde que teño uso de razón, pero non, seica non estaba rezando... E o meu amigo pagou os seis euros que lle cobran a un de fóra por facer unha «visita», e eu negueime.

Entón, na porta dunha das capelas laterais vin unha persoa en cadeira de rodas escoitando unha audioguía, e supoño que intentando imaxinar o que, por barreiras arquitectónicas, non podía entrar a ver, e pensei no feito de que a catedral non é accesible, e que quizais eses seis euros que cobran aos de fóra (e dous aos do lado) servirán para asegurar que todas as persoas poidan acceder á «visita». Pero tamén lembrei que a empresa leva oito anos explotando a catedral... Imaxino que terán outras prioridades.