«Cambalache» Rueda

Noa Presas DEPUTADA POR OURENSE DO BNG

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

21 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, gústalle presumir de que o seu partido é previsible e non desaproveitou a oportunidade de demostralo: hai apenas uns días vén de entregar a alcaldía de Ourense a Jácome, tragándose as súas propias declaracións nas que proclamaba que non volvería pactar con que consideraba un alcalde letal.

Teño que confesar que non me pillou por sorpresa, e non precisamente porque poida presumir de dotes adivinatorias, senón porque hai algo no que o PP si é absolutamente previsible: sempre, sempre pon os intereses partidistas por riba dos intereses dos galegos e das galegas.

Conscientes disto, desde o BNG advertimos que o PP volvería pactar con Jácome se o necesitaba para conservar a poltrona da Deputación, na que leva trinta anos practicando unha política caciquil tan letal para a provincia como o alcalde ao que vén de entregar por segunda vez o bastón de mando da cidade. En 2019 foi Feijoo, en 2023 Rueda, ambos coa mesma motivación.

As solemnes afirmacións do presidente do PP, unha vez máis convertidas en papel mollado, neste caso asinando un acordo polo que os populares se comprometían a facer alcalde a Jácome a cambio de que este lle deixase vía libre para presidir o ente provincial. Unha vez máis vemos como a palabra do presidente da Xunta non vale nada.

No BNG deixamos claro até a saciedade, e aí están as hemerotecas, que nunca votaríamos nin a Jácome nin ao PP, dúas caras da mesma moeda que representan o peor da política. E actuamos en consecuencia porque no BNG cumprimos o que dicimos, e facémolo porque pensamos que os galegos e as galegas merecen ser tratados con respecto, merecen poder fiarse da palabra dada por quen aspiramos a representalos, en Ourense ou no conxunto de Galiza.

Imaxino que para o señor Rueda cumprir coa palabra dada é unha excentricidade, pero para o BNG é a única maneira de comportarse, tanto na política como na vida, chámase ter principios e poñelos por riba de calquera oportunismo ou interese partidista. Por responsabilidade, o BNG votou a favor do PSOE no pleno de constitución da nova corporación para dar unha alternativa á cidade, pero non así o PP porque Rueda preferiu un cambalache con Jácome sen importarlle as consecuencias. Porque o PP, e nisto tamén é previsible, usa as institucións para os seus intereses partidistas.

E xa o colmo do cinismo político é o empeño do Partido Popular en culpar ao BNG para tapar o seu pacto da vergoña, ese polo que entrega a alcaldía a Jácome a cambio de quedarse ao mando da Deputación. Un intercambio que lle permitirá ao PP seguir facendo o que mellor sabe facer: practicar un caciquismo 2.0 que lle está roubando o futuro a Ourense. No BNG estamos convencidos e convencidas de que esta parte do país ten un gran potencial e un gran futuro, pero sen o lastre do Partido Popular, e seguiremos traballando para abrir un tempo novo, tanto en Ourense e non conxunto de Galiza.