O «Atrápame se podes» busca concursantes que lle fagan «soltar o bote» a Paco Lodeiro
OURENSE CIUDAD

O concurso da TVG realiza nos vindeiros días «castings» en varios lugares de Galicia
18 abr 2023 . Actualizado a las 16:43 h.«Paco, solta o bote!» é unha das frases que máis se está repetindo en Galicia conforme se vai incrementando a cantidade de cartos acumulados no gran premio do Atrápame se podes. O bote acumulado no programa líder das noites da Galega supera xa os 81.000 euros. O concurso presentado por Paco Lodeiro xa leva repartidos máis de 125.000 dende a súa estrea. Hai quen levou, ao saír vitorioso nos chanzos, o petisco diario de 200 euros. E houbo quen xa meteu no peto un bote, coma fixera en verán de 2021 un concursante, Ramiro Vidal, de Oleiros.
Tes ganas de contestar as preguntas cheas de humor e contido galego que cada noite enchen a pantalla? Queres saudar dende o plató aos familiares que che din que nunca serías capaz de saír na tele? «Para vivir a experiencia Atrápame é o momento ideal, achégase o verán, veñen as verbenas, as festas e todo iso vaise notar nas emisións», sinala un Lodeiro que desexa «soltar o bote». «Máis que nada polos meus pais, que sempre me recordan que xa é hora de ilo dando», engade con retranca. Chegou polo tanto a hora de pasar de ser espectador a concursante grazas aos casting que se poñen en marcha esta mesma semana.

Ourense, Cee e Vigo recibirán a visita do Atrápame. O horario para participar será de mañá (entre ás 11h-14h) e de tarde (entre ás 16h-19h) e o único requisito para presentarse é ser maior de idade.
O mércores 19 de abril o proceso de escolla do programa instalarase no Centro Comercial Ponte Vella (2a planta) de Ourense; o xoves 20 na Praza do Mercado de Cee e se chove no Centro Comercial Finisterrae (1a planta); e o venres 21 no Centro Comercial Camelias de Vigo.

Para todas aquelas persoas interesadas que non poidan acudir presencialmente a ningún casting, tamén están habilitadas varias canles de comunicación para enviar a súa candidatura. Prégase que se adxunte un vídeo de presentación breve e os datos de contacto, incluíndo o nome completo, teléfono, idade, lugar de nacemento e ocupación, por WhatsApp ao 629 613 376 ou ao correo atrapamesepodes@crtvg.gal.