José Antonio Vázquez Taín: «Ourense foi un cruce de camiños»

m. rodríguez

OURENSE CIUDAD

José Antonio Vázquez Taín, en el último día del rodaje, en Compostela, del documental sobre el camino Mozárabe.
José Antonio Vázquez Taín, en el último día del rodaje, en Compostela, del documental sobre el camino Mozárabe. PACO RODRÍGUEZ

O Teatro Principal presenta o documental «O Camiño Mozárabe: sangue, suor e fe», con guión do xuíz e escritor

09 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O xuíz e escritor José Antonio Vázquez Taín (A Merca, 1968) presenta este xoves (20.30 horas) no Teatro Principal de Ourense o documental «O Camiño Mozárabe: sangue, suor e fe». Vázquez Taín guionizou a peza, na que é a súa segunda incursión na escrita de guións para traballos audiovisuais deste xénero. Ourensán de nacemento, elixiu divulgar este camiño porque considera que é moi descoñecido malia os valores culturais, paisaxísticos, históricos e monumentais que ten.

—Xa tiña experimentado coa escrita de guións?

—Este é o segundo documental que guionizo. O primeiro foi «Peregrinas», sobre a historia das mulleres no Camiño de Santiago. Quería facer xustiza as mulleres, que constituían —mesmo na Alta Idade Media— cando menos o 30 % das persoas que peregrinaban. Agora son máis as mulleres que os homes. Logo dese primeiro ensaio, vin que podía haber facilidades para un segundo; e era obrigado, como ourensán e desa zona, facelo sobre o Camiño Mozárabe, que necesita ser máis coñecido. Chegou a estar no terceiro posto dos máis recorridos e agora coido que é o oitavo.

—Como se estrutura o documental, cronoloxicamente?

—O Francés foi a guía para crear o Camiño de Santiago, pero en Galicia temos unha vía prehistórica, datada na Idade de Bronce, que cruzaba desde o sur da península ata a costa galega. Foi unha gran vía comercial, de transhumancia, pola que entraron exércitos. Recuperouse como camiño de peregrinación a fins do século XX. O fío argumental do documental foi a pregunta por que o prato típico de Ourense é o polbo á feira, xa que non hai costa, nin moito aceite nen pemento, non ten ingredientes autóctonos. A resposta é que Ourense foi un cruce de camiños moi importante, cunha cultura que se fai con capas, de civilizacións, comerciantes, arrieiros e peregrinos que foron deixándonos cultura e saber. Tamén me pregunto que é un camiño. Estamos acostumados a ver as vías de comunicación como un túnel e non foi así sempre, a xente parábase e había intercambio.

—É menos popular que outras rutas pola súa dureza?

—Din de que son difíciles a costa despois de Ourense ou os tramos de Castela, pero está compensado con paisaxes de beleza que sobrecolle, como a baixada da Canda. É un camiño impresionante, con restos romanos, visigodos, mozárabes, que falan da historia de Galicia. Outros camiños serán máis comerciais ou estarán máis explotados. No Mozárabe pódese lembrar como era o camiño sen masificacións, con vivencias máis íntimas e humanas, con conversas tranquilas, con outros valores.

—Como o distribuirán?

—Asociacións e os Concellos teñen propostas para levalo aos seus ciclos de cine de verán. Ofrecerase a plataformas e canais como outro documental. Farei presentacións en Madrid, en Valladolid. Creo que a xente se vai sorprender, porque o problema que temos en Galicia é que descoñecemos a nosa historia. Tentarei facer máis documentais, mantendo a seriedade e tentando enganchar aos rapaces