Xerais publica «Os corpos inscritos e os textos escritos», o novo traballo de Rebeca Baceiredo

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Rebeca Baceiredo publica a súa nova obra con Edicións Xerais de Galicia
Rebeca Baceiredo publica a súa nova obra con Edicións Xerais de Galicia Xerais

A editorial reúne en «Antoloxía poética» unha escolma dos sete poemarios galegos de Antón Tovar

20 feb 2023 . Actualizado a las 17:04 h.

A colección de novidades de Edicións Xerais de Galicia chega con dúas publicacións vencelladas a creadores ourensáns. Concretamente o nova entrega da filósofa, profesora e escritora Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) e unha antoloxía poética de Antón Tovar (Rairiz de Veiga, 1921 - Ourense, 2004).

Rebeca Baceiredo publica con Xerais, na colección Ensaio, a súa obra Os corpos inscritos e os textos escritos. Xénero, moda e literatura. Reflexiona a autora sobre o xénero, que foi tradicionalmente obxecto de intercambio, obxecto devido en mercadoría: «O xénero, en tanto que conformación sexual cultural e en tanto que tecido (téxtil), fixo recaer ou axudou a atribuír a condición subalterna sobre a conformada feminidade. Elas son o xenérico, o Outro difuso, mentres que a masculinidade hexemónica se apropiou da condición de suxeito que ostenta o logos, a capacidade racional, a palabra articulada», sinálase na referencia da editorial. No seu novo libro Rebeca Baceiredo camiña pola antropoloxía, a moda, a arte, a literatura e o mercado para propoñer unha deconstrución do xénero, vinculándoo a unha certa emancipación cultural. Os corpos escritos e os textos escritos «combina a análise filosófica coa creación literaria en forma de relatos, mesturando xéneros e, finalmente, desfacéndoos», segundo se sinala dende Xerais.

 

 

Baceiredo, premio extraordinario de doutoramento e Ramón Piñeiro de Ensaio, compaxina o seu traballo como profesora coa faceta de escritora e autora de artigos de opinión. Tamén ten desenvolvido proxectos fotográficos, entre outras iniciativas.

Na Antoloxía poética de Antón Tovar reúnense textos representativos dos seus sete poemarios galegos. Unha selección que conta cunha biografía introdutoria realizada por Delfín Caseiro e que permitirá ao lector coñecer a un escritor que foi «un home desacougado, que semellaba vivir nun pesadelo eterno, intemporal, na procura infatigábel da luz, da calma, da verdade, da felicidade». A iniciativa de Xesús Alonso Montero, o Museo da Limia (de Vilar de Santos), puxo en marcha este libro —en colaboración con Xerais— que rescata «unha das voces líricas máis importantes da segunda metade do século XX, precisamente arredor da celebración do centenario do nacemento de Antón Tovar», sinalan dende a editorial.