Rafael Castro Armesto: «Non somos conscientes do gran potencial dos arquitectos de Ourense»
OURENSE CIUDAD

O responsable do COAG di que sen PXOM actualizado a cidade non crece
12 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Rafael Castro Armesto (Caracas, 1975) non lle tocaron bos tempos para exercer a presidencia da delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Ourense. En maio cumpriranse os catro anos dende a súa chegada ao cargo. Aínda que sen experiencia na nova responsabilidade, xa contaba con coñecemento de causa no que á xestión do COAG en Ourense se refire ao formar parte da directiva anterior. A pandemia levouse por diante todos os proxectos e os obxectivos que se fixara o seu equipo. Recuperar a conexión e a colaboración entre os colexiados —perdida nestes novos tempos nos que a dixitalización facilita as xestións ao tempo que alonxa ás persoas— era unha das accións prioritarias, como pór en valor o traballo dos profesionais ourensáns ou ampliar os servizos e prestacións que se ofrecen aos asociados. Agora, o colexio axiliza as súas iniciativas para recuperar o tempo perdido.
—Que valoración fai destes anos?
—Tivemos máis atrancos do que agardaba e foi unha lexislatura estraña. A pandemia meteuse polo medio e foi imposible conseguir os obxectivos que tiñamos marcados. Neste último ano estamos tentando revitalizar todo para conseguir un colexio forte.
—Facía referencia no 2019 á desconexión dos arquitectos.
—As cousas cambiaron moito nos últimos anos. Grazas ás novas ferramentas facilítase moito o traballo, aínda que tamén se perde o contacto. Xa non tes que acudir a visar o proxecto ao Colexio e iso fai que non haxa o contacto e a colaboración de antes. Unha das cousas que tiñamos previsto era manter contactos con todos os compañeiros para retomar esa relación profesional.
—O ciclo «Arquitecturas Ourensás» axuda a espallar o traballo e a retomar esa participación.
—Sen dúbida. Ten boa aceptación e convértese nunha ferramenta extraordinaria para divulgar o que se está a facer. Non somos conscientes do potencial dos arquitectos da provincia de Ourense. Teño estado nos últimos catro anos no xurado dos premios Gran de Area e a calidade dos proxectos ourensáns é tremenda. E así son recoñecidos aquí, no resto do Estado e mesmo algún en convocatorias internacionais.
—Non contar co PXOM actualizado é un dos principais problemas?
—Entre outros. Ao mellor non o máis, pero si un dos máis importantes. A inseguridade xurídica fai que as licencias se retrasen máis dun ano e non é posible atraer aos grandes inversores porque non hai espazos para desenvolver macroproxectos. Na actualidade sería imposible crear unha grande área termal, con hoteis e demais servizos, porque non hai onde. A rehabilitación de edificios —temos exemplos en Progreso— é a vía alternativa para os inversores. Neste momento Ourense non pode crecer porque non ten por onde, ao non contar co PXOM actualizado.
—Temos unha oficina de rehabilitación pechada e sen accións a desenvolver. Por que non somos quen de conseguir dinamizar a zona monumental?
—O casco histórico necesita xa un plan de uso e buscar un plantexamento que poda xerar actividade e atraer inversores. Hai dous cascos históricos ben diferenciados —o do norte e o do sur—; un deles está abandonado e o outro colapsado. Precisamos un PERI adaptado e unhas liñas de actuación claras. A modo de exemplo —que obviamente non quere dicir que teñamos que facer o mesmo— está Allariz, que apostou polos outlets e iso serviu para que se recuperasen os edificios e se dinamizase a zona. Iso é o que necesita Ourense.
«Que non teñamos a intermodal que nos merecemos é o máis triste que nos leva pasado»
A delegación do COAG conta con 260 asociados e entre as actuacións que se desenvolven dende a mesma están a de incentivar a participación nos concursos para axudar nos procesos de selección ou colaborar para elaborar as bases de proxectos singulares.
—A pandemia dinamizou o sector?
—Si. A xente viuse pechada na casa e empezou a ser consciente de onde estaba. E a valorar terrazas, espazos amplos e outros elementos e servizos. Iso xerou unha demanda e reactivou a construción, aínda que moitas encargas van quedando retrasadas porque non atopan os profesionais que necesita o sector.
—Os fondos europeos e as axudas teñen demanda?
—Hai unha oferta moi importante de fondos públicos para proxectos e nós creamos a Oficina virtual de Rehabilitación para que os usuarios, técnicos e propietarios conten con toda a información para acceder ás axudas.
—Organizaron no seu día debates sobre a intermodal.
—Que non contemos coa intermodal que nos merecemos é o máis triste que nos leva pasado e o peor que se lle puido facer a Ourense. A espiña cravada destes anos no Colexio. O que se quería facer era unha aberración, houbo conciencia social e a xente rexeitouno. Aproveitouse a pandemia para facer actuacións como a da estación de autobuses para que non houbese marcha atrás. O proxecto debía servir para facer cidade e unir de novo os barrios, o que si se contemplaba na primeira opción, e non manter a división. O AVE está a dinamizar a cidade pero co que se vai atopar a xente é cunha pérgola e unha pasarela. E morren de calor no verán e móllanse cando chove e saen a coller un taxi.
Da premiada casa de Tibiás á realidade da raia e ao Álvaro Cunqueiro
Como lle aconteceu a outros fillos da emigración, a Rafael Castro Armesto correspondeulle o papel de adaptarse a un novo escenario vital, aínda que no seu caso a transición fíxose rápida e non levou aparellados grandes
cambios por ter volto á provincia con só catro anos de idade. Os seus pais, orixinarios de Gomesende e Ramirás, emigraron a Venezuela. Alí se coñeceron e foi no país caribeño onde casaron. E logo duns anos decidiron regresar á súa terra. Un perfil, o marcado polos que apostaron por buscar un futuro mellor fóra, que marcou a historia da provincia: «No meu pobo a emigración a Venezuela e Arxentina foi a maioritaria».
O presidente do COAG de Ourense formouse na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Comezou a súa andaina no mercado laboral traballando para unha coñecida construtora e logo establecéndose pola súa conta. Máis tarde, no 2005, creou xunto a Sandra González o estudio Dousdé Arquitectura. Nestes dezaoito anos teñen desenvolvido, entre outros, proxectos como o da casa de Tibiás recoñecida no seu día co premio Gran de Area —no 2018— ou vivendas unifamiliares por toda Galicia: de Barbadás a Compostela e de Leirado a Trazo ou ao entorno do río Loña na cidade. A rehabilitación, como a da Casa da Tulla de Gomesende para turismo rural, ou as actuacións no sector industrial son só unha parte do realizado ao longo destes anos. Dous dos concursos públicos gañados quedaron polo camiño.
—Que pasou co Centro de Saúde para o barrio de O Vinteún?
—Que quedou en nada. Gañamos o concurso no 2010 e fixemos o proxecto, pero non se chegou a facer. Era a intervención que se necesitaba para dinamizar o barrio e fixemos unha proposta para centro e entorno. Concello e Sergas enredáronse polas condicións da parcela e non saíu adiante. O último que nos dixeron era que se ía facer un centro de saúde máis comedido, pero non se ve que haxa intención de crealo.
—E no caso do centro de interpretación dos muíños de Barosa?
—Era unha proposta que incluía un hotel, sala de exposicións e diferentes servizos, entre outras cousas. A proposta non chegou a consolidarse e, ao final, o Concello de Barro decantouse por ir arranxando os muíños pola súa conta, de forma separada, en lugar de facer unha actuación de conxunto.
—É técnico no Concello de Calvos de Randín. Hai demanda?
—Fíxose bastante ben o das concentracións parcelarias e daquela hai moita actividade gandeira e axuda a fixar poboación. E os emigrantes —alí foron a Francia e Barcelona de xeito maioritario— están volvendo ao xubilarse. A xente mellora as edificacións tradicionais e sempre é unha esperanza para loitar contra o despoboamento do rural.
—En que poxectos está Dousdé Arquitectura?
—Agora mesmo preparando un proxecto para o Sergas, co que xa temos traballado en varias cousas. Imos crear o Hospital de Día Oncolóxico do Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Quen son.
«Arquitecto por teimosía, considérome un traballador implicado e reflexivo, que trata de aprender un chisco cada día. Son unha persoa optimista por natureza, perfeccionista no que fago, e seguro que algo cabezón. Sempre me toca organizar, e ser o primeiro en botarse ó mar. Alguén con quen podes contar»