Rubén Riós: «Interésanme as historias que serven para empoderar a algúns, como aos maiores do rural, e fan pensar a outros»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Rubén Riós (no centro) na presentación do libro no Liceo de Ourense, con Xosé Lois Foxo e Armando Requeixo
Rubén Riós (no centro) na presentación do libro no Liceo de Ourense, con Xosé Lois Foxo e Armando Requeixo Santi M. Amil

O creador ourensán está a presentar o libro «Arrieiros somos», e estreará en febreiro a terceira edición da web serie documental do mesmo nome 

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O actor, produtor, e director Rubén Riós anda de novo percorrendo Galicia con unha escusa que lle serve para seguir avanzando na misión que se autoimpuxo hai xa uns cantos anos: dar visibilidade ao rural e, especialmente, ás xentes do rural. O obxectivo que persegue, segundo conta, é que as novas xeracións de galegos que naceron e viven en cidades —«tan semellantes unhas as outras», lembra o creador— volvan a vista cara as súas raíces e os tesouros que se agochan non tan lonxe dese entorno urbanita. A escusa é a presentación do libro «Arrieiros somos».

—Ten o mesmo título que a serie documental que estreou no 2021. ¿É unha especie de transcrición?

—Non. Este é un libro, en certo senso, pioneiro, porque os doce capítulos que ten non son unha repetición da web serie. É aquilo que non contamos no proxecto audiovisual. Profundizamos en cada unha das historias. De aí que cada capítulo do libro vaia acompañado dun QR que te leva ás imaxes. Hai discolibros e este é un libro audiovisual. A web serie naceu dunha idea que me xurde durante a pandemia de facer un traballo que fose de escoita e de agradecemento a toda esa xente que garda as nosas raíces e que tamén ten moito que dicir sobre eses temas que están de actualidade e nos preocupan a todos: a soidade, o cambio climático, a violencia de xénero, o abandono do rural...

—¿Por que se lle ocorreu ese complemento ao audiovisual?

—Precisamente a raíz da dimensión que conseguiu a web serie, que a través de Youtube viron máis de medio millón de persoas, e de algún vídeo que se fixo viral e que chegou a máis de 25 millóns de visualizacións, como o da señora que me atiborraba a comida. Empecei a darme conta de que o contido estaba chegando a moita xente nova e foi cando me decidín, xunto coa editorial Galaxia, a editar un libro complementario que nos axude a chegar aínda a máis persoas. Porque eses que participaron no documental representa a unha xeración que está morrendo. Algún, de feito, xa desapareceron e sendo moi xenerosos en vinte anos imos perder toda esa sabiduría que eles tan lúcidamente nos transmitiron neste traballo que fixemos para Arrieiros somos.

—¿Que tal está respondendo o público a esta nova proposta?

—Estou moi contento. Estamos enchendo e iso é algo moi especial para min porque realmente eu son contador de historias a través do audiovisual dende hai 20 anos e isto é algo distinto. Estamos fascinados porque está chegando a universidades, a centros de día, asilos ou incluso colexios que están vendo que é unha ferramenta que non tiñan para mostrarlle aos máis novos quen somos e de onde vimos grazas á sabiduría que nos dan eses maiores. E sobre todo estamos moi contentos porque hai moita xente que despois de ler o libro nos escribe dicindo que lle deu ganas de ir ver aos seus avós ou a seus tíos.

—¿Iso supón para vostede un obxectivo cumprido?

—Eu, ao final, só creo historias para facer pensar á sociedade. Estou nun momento da miña vida no que realmente xa non che gusta perder o tempo nin facerllo perder a ninguén; e cando chegas a este punto, contas aquelas historias que realmente queres contar. As historias que a min me interesan son esas que serven para empoderar a unha parte da sociedade, o rural e aos que viven nel, especialmente aos maiores,  e facer pensar á outra. Ese é o obxectivo, independentemente de si é a través de un vídeo que se fai viral e acaban vendo millóns de persas ou non. Este libro vai ser máis importante dentro de vinte anos que hoxe, por desgraza, porque esa xente que representa a nosa raíz xa non estará. A neta de Lola, unha das persoas coas que estivemos para este traballo, escribiunos para darnos a noticia do seu falecemento e tamén para darnos as grazas porque, segundo apuntaba, ese traballo que nós estivemos facendo, o seu legado, poderíano ver os seus fillos o día de mañá, cando ela os teña. Estas son as cousas que realmente fan que sintas que paga a pena.

—A serie tivo segunda parte... haberá unha terceira

—Xa está lista para estrear agora en febreiro. E seguimos traballando co gallo das presentacións do libro, porque nós quixemos que se saíse dos circuítos habituais deste tipo de actos e, aparte de estar nas cidades, de ir a Madrid ou ao País Vasco, tamén estamos presentado en pobos tan pequenos como San Xoán de Río, por exemplo. E o que pasa cando chegas a aldeas tan pequenas, e que aínda que estean quince persoas, esa xente empeza a contarche e dacho todo, porque sabe que viñeches onde non ven ninguén. E iso, esas novas testemuñas, tamén as estamos a recoller.