Ourense acolle o proxecto de arte urbana «Mexicráneos»

La Voz

OURENSE CIUDAD

miguel ascón

A proposta do Grupo Albia, baseada na tradición de México, xa percorreu co éxito varias cidades

28 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende este xoves, e ata o 11 de novembro, en Ourense poderase ver a exposición «Maxicráneos». A iniciativa é unha proposta do Grupo Albia e está inspirada na tradición cultural e na celebración do Día dos Mortos de México, manifestación social que foi declarada no seu día Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. A mostra está formada por seis cranios de gran tamaño, que se poden ver na rúa do Paseo, que están inspirados na cultura funeraria. O xerente do Grupo Albia en Ourense, Rubén Divos, e o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, foron os encargados de inaugurar a exposición.

«Maxicráneos» chega á cidade logo dun percorrido exitoso por cidades como Madrid, Zaragoza, Sevilla e Salamanca. Segundo se destacou na presentación, a exposición amosa o lado artístico da cultura funeraria e pretende romper cos tabús que viran en torno ao dó e á perda dos seres queridos, sendo unha das exhibicións de arte urbana máis grandes do mundo. Ata o de agora, segundo se sinalou na presentación, máis de doce millóns de persoas puideron gozar deste proxecto artístico.

Potenciar a festa ourensá

Gonzalo Pérez Jácome incidiu no atractivo e a calidade artística da mostra. «Ten unha dobre finalidade xa que, por unha banda, pon ao dispor de veciños e visitantes da nosa cidade unha exposición artística de grande interese e, ademais, coincide coas celebracións de Todos os Santos e Fieis Defuntos, e coa festa de Halloween, que estamos a potenciar desde o Concello. É unha exposición coa que todos os ourensáns se sorprenderán e tamén coñecerán máis acerca da cultura mexicana», sinalou.

Ruben Divos, de Grupo Albia, salientou a estreita relación que a empresa ten con Galicia e a oportunidade que representa para a mesma poder traer «Maxicráneos» para que gocen dela os cidadáns de Ourense.