Enfermidade mental e conciencia social

Ángeles Fernández TRIBUNA ABIERTA

OURENSE CIUDAD

Vivienda de la asociación Morea en A Peroxa
Vivienda de la asociación Morea en A Peroxa Santi M. Amil

17 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que a saúde mental de todos sexa unha prioridade mundial. É o lema elixido pola Organización Mundial da Saúde para este ano 2022 para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. Esta institución leva anos advertindo da grave situación en saúde mental a nivel global. Particularmente incisivos durante os períodos de crise económica, advertindo sobre a urxencia de potenciar políticas sociais e sanitarias que mitiguen os peores efectos da crise.

A sensibilización social ten o valor de dar luz sobre realidades longamente ocultadas. É un paso necesario, pero non suficiente, para a seguinte acción no camiño de erradicar o estigma e a discriminación: a concienciación.

Tomar conciencia ten o poder de rachar con tantos mitos arredor da enfermidade mental e supón falar abertamente de saúde mental, discriminacións, carencias materiais e afectivas ou exclusión social. A concienciación crea as bases do compromiso na defensa dos dereitos humanos.

No seu compromiso activo ca concienciación social, A.F.E.M. Morea leva traballando dende 1994 na provincia de Ourense. Hoxe en día dispoñemos de diferentes programas (asesoramento, acompañamentos, respiro familiar, escola de familias, equipo de apoio social comunitario, empoderamento e igualdade da muller e para a saúde, voluntariado, club social de ocio...) e xestionamos, concertados co Sergas, centros de rehabilitación psicosocial e laboral en Ourense, O Barco e Verín; tres pisos supervisados en Ourense e unha mini residencia en A Peroxa. Tamén, no 2011, creamos a Fundación Gavela para ofrecer medidas de apoio xurídico (antes tutelas) ás persoas con enfermidade mental.

Na provincia estamos atendendo a máis de 170 usuarios e as súas familias cun nivel de integración comunitaria moi satisfactorio.

En Ourense cidade levamos máis de 20 anos no barrio da Carballeira, onde somos uns veciños máis, perfectamente aceptados e integrados, ata o punto de que recibimos habitualmente a colaboración desinteresada dos recursos e cidadáns da zona. Tamén nos pisos que vimos ocupando dende 2007, cun nivel de convivencia similar ao do resto de cada comunidade.

No Barco é moi destacable o nivel de participación dos voluntarios que colaboran intensamente en actividades lúdicas e deportivas (teatro, ximnasia, fútbol sala, andainas ou eventos puntuais), tanto nas nosas instalacións como na comunidade.

En Verín participamos dos recursos comunitarios xunto co resto da poboación e nunca percibimos rexeitamento de ningún tipo.

Tamén é moi de destacar o nivel de integración en A Peroxa, onde levamos dende o ano 2001 e somos considerados como uns veciños máis, recibindo o apoio da comunidade dende o primeiro día.

En todos os casos traballamos coa colaboración dos servizos sanitarios e sociais das respectivas localidades e recibimos soporte económico, ademais do Sergas, da Deputación e dos concellos de Ourense e O Barco.

Con todo isto, consideramos que aínda falta moito que facer e desde a sensibilidade, concienciación

e o compromiso por unha saúde mental para todos, facemos un chamamento, no Día Mundial da

Saúde Mental, a pedir ás autoridades que potencien os servizos de saúde mental, seguindo as directrices da asemblea parlamentaria do Consello de Europa; que reforcen a sanidade pública, coa provisión dos recursos necesarios, especialmente pensando nas persoas con menos recursos económicos; e que potencien os recursos a nivel comunitario e a inclusión social das persoas con enfermidade mental e as súas familias.

María Ángeles Fernández Araujo é a presidenta de A.F.E.M. Morea