O Ourense de Nós (I)

Juan M. Casares MEDIDA DAS COUSAS

OURENSE CIUDAD

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que o eixo da Galicia culta pasaba pola cidade de Ourense». Con estas palabras Vicente Araguas resumiu a realidade dunha cidade que entre finais do século XIX e principios do século XX foi a urbe galega da cultura por méritos propios, a vila con maior densidade cultural da nosa terra, ata o punto de converterse nun caso excepcional no conxunto da xeografía peninsular, tal e como afirmou tamén Marcos Valcárcel. Nesa pequena gran cidade debuxouse o ambiente no que naceu e se desenvolveu unha xeración de creadores de cultura, de conciencia e de país, que xurdiu inicialmente coma inadaptada e que máis tarde, despois de abandonar o «himatión dos gregos, o albornoz dos árabes e a túnica de Oriente», e de decidirse a «vestir a chaqueta», fixo bandeira política e cultural de Galicia. Estoume a referir ao cenáculo ourensán, os sabios ourensáns, o celme da Xeración Nós.

Unha cidade a de Ourense que ata a metade do século XIX, conserva a súa estrutura medieval, caracterizada por unha forma de vida rural e cun sistema económico que xira ao redor das actividades agrarias, carecendo dunha tradición industrial evidente.

Sobre o dito substrato medieval, na segunda metade do século romántico, superpoñerase o modernismo que trae canda el unha serie de transformacións esenciais. Por unha banda hai un crecemento demográfico importante dende os 15.000 habitantes de 1900 ata os case 25.000 no 1939.

Experimenta transformacións urbanísticas como a construción da estrada Villacastín?Vigo, logo chamada rúa do Progreso, a Ponte Nova, considerada como un dos símbolos do Ourense modernista, e a chegada do tren que remataba cun longo tempo de marxinacións.

É o momento da irrupción da burguesía capitalista, fundamentalmente comercial, que na súa meirande parte eran xentes alleas á terra que viñeron a Galicia a facer fortuna e remataron dominándoo todo.

Son os maragatos novelados de xeito maxistral por Risco no don Celidonio de O porco de pé, os usureiros que viñeron a Galicia a «zugar o zume da terra, estragar e matar», tal e como dixo Cuevillas.