Luis Martínez Costas: «Nunca me imaxinei que crearía o meu fogar nunha cidade de interior»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Luis Martínez Costas xunto ao mural de Failde, no parque fronte ó pavillón de Os Remedios
Luis Martínez Costas xunto ao mural de Failde, no parque fronte ó pavillón de Os Remedios MIGUEL VILLAR

Este profesor de filosofía defende que hai que buscar un ensino máis personalizado

02 oct 2022 . Actualizado a las 20:48 h.

Non foi un frechazo nin amor a primeira vista. Luis Martínez (Moaña, 1961) chegou a Ourense por unha decisión completamente fría e racional baseada en pura estratexia xeográfica. Aínda que, hai que recoñecelo, nesa decisión si houbo un trasfondo romántico. «Despois de percorrer varios destinos, porque andei de nómada docente dun lado para outro, recalei cunha praza en Chantada e alí coñecín a Marisa, quen despois sería a miña muller. Pero a ela déronlle praza no curso seguinte en Xinzo. Buscando un punto intermedio para quedar decidímonos por este. Aquí foi onde moceamos», apunta. Entre outras razóns porque daquela, a cidade ofertaba tamén un amplo abano cultural. Ambos son cinéfilos —non se perden un OUFF— e tamén aproveitaban a oferta teatral ou musical. «As xornadas de jazz no Latino eran todo un luxo», lembra este profesor de filosofía. A relación avanzou e a cidade exerceu a súa maxia e, cando tocou tomar decisións máis serias, como elixir onde crear o fogar común, Ourense foi tamén a elixida. «Meus pais vivían en Vigo, e os dela en Lugo, así que decidimos que Ourense era o mellor punto, o lugar intermedio ideal que nos permitía estar cerca dos respectivos traballos e tamén das familias», relata Luis Martínez, que recoñece que ata ese momento o vínculo coa cidade era puramente circunstancial.

Pero pouco a pouco todo foi cambiando. «Hoxe sinto que é o meu sitio, gústame e posiblemente aquí acabarei, pero debo confesar que nunca se me ocorrera que me establecería lonxe da costa. Nunca pensei que crearía o meu fogar nunha cidade de interior, pero é que Ourense é unha cidade moi agradable para vivir, en vinte minutos chegas practicamente a calquera sitio andando, non é moi grande e conserva aínda un espírito de vila, onde vas pola rúa e coñeces e vas saudando a moita xente aínda que non teñas unha grande amizade pero hai esa conexión de verse a cotío. E eu sentinme moi ben acollido pola xente», relata. Porque a Luis gústalle a forma de ser dos ourensáns.

Outro dos momentos clave do namoramento coa cidade foi a crianza do seu fillo. Con el descubriu outros recunchos. «Son o home dos parques, porque os percorremos todos», conta entre risas. Tamén descubriu instalacións como o polideportivo de Os Remedios, onde o pequeno aprendeu a nadar e el botou máis de unha pachanga, e a beleza dos paseos xunto ó río. Ata as esculturas axudaron. «Sempre me gusta entrar pola ponte do Milenio para ver a escultura de Carreira. Por certo que tardei en saber que representaba o Nexus VI, o replicante de Blade Runner, que a min me parece unha película grandiosa. Ao primeiro eu pensaba que sería unha simboloxía do pai Miño, de Breogán. Despois empecei a fixarme en todo ese legado cultural: as esculturas dos faunos, o mural de Faílde, todo o que está repartido por esta cidade e que aporta tanta riqueza cultural».

No seu enganche con Ourense Luis pon tamén o seu derradeiro destino profesional. O centro no que pasou a maior parte da súa traxectoria docente: o IES Otero Pedrayo. «Deume unha experiencia inigualable. Tiven moita sorte. Coincidín con compañeiros excepcionais cos que tiven e teño moi boa relación, e cun grupo directivo no que sempre me sentín moi ben tratado». Tamén asegura que se sinte especialmente feliz cando os seus exalumnos o saúdan polas rúas. Porque Costas é moi consciente de que representa a unha materia permanentemente cuestionada. «Sempre hai unha especie de rexeite inicial, un preguntarse que utilidade ten a filosofía e para que serve, porque ao contrario que nas ciencias non parece que haxa unha aplicación práctica», recoñece. No obstante, ese cuestionamento non lle molesta. «De feito, eu penso que debería estenderse a tódalas materias. Deberíamos de facernos a pregunta máis a miúdo. Son dos que creo que todo o que se ensina debería estar ben xustificado e penso si se están dando os coñecementos adecuados dende primaria e, sobre todo, na secundaria». O veterano docente é firme defensor da aposta por traballar as potencialidades de cada alumno. «Son partidario dun cambio radical na educación; dun ensino máis personalizado, centrado no alumno. O de traballar as competencias é un enfoque estupendo», asegura.

Quen é

  • DNI. Luis Martínez Costas naceu en Moaña no ano 1961. Exerceu durante 38 anos como profesor.
  • Que fai. Dende a xubilación está volcado na súa colaboración coa editorial McGraw Hill na elaboración dos libros de texto de filosofía, aínda que sempre garda tempo libre para a lectura ou dos paseos pola beira do Miño ou dun baño nas augas termais, das que se confesa devoto.
  • O seu recuncho. Defínese como o home das esculturas e dos parques. Di que de Ourense lle gustan todos, aínda que a zona do pavillón dos Remedios é da que máis bos recordos garda por tela completamente asociada á crianza do seu fillo.

«O interesante é ser capaces de descubrir as virtudes de cada alumno»

Para Luis Martínez Costas a filosofía é unha boa ferramenta para intentar sacar o mellor de cada estudante, algo ao que debe encamiñarse o ensino do futuro. «O interesante é ser capaces de descubrir as virtudes de cada alumno. O maior servizo que podemos facer os profesores aos individuos e á sociedade é descubrir esas capacidades para sacar o mellor de cada un deles para potencialo, fomentalo, favorecer esas virtudes e desenrolalas». Para o mestre, intentar que todos respondan igual á mesma mecánica de aprendizaxe e en tódalas temáticas é tan absurdo como «intentar ensinar a un peixe que suba a unha árbore e a un gorila que se desprace mergullando. Ao mellor conseguimos que o fagan, pero o farán mal. Temos que centrarnos en detectar o potencial individual e melloralo», conclúe.