Russo: «O rap é improvisación, facer cousas ao momento que gusten ao público»
OURENSE CIUDAD

O artista de Maceda bota en falta os encontros que se organizaban en Ourense
19 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Teatro Principal acollía hai uns días a terceira edición de Imos ter máis que palabras, o denominado «festival de arte e poesía explícita de Ourense» que promove José Lameiras. Un encontro que aposta por traballar na mestura de disciplinas que, segundo o seu creador, teñen moitos puntos en común e que vai máis alá do esquema do recital poético tradicional. Desta volta contouse coa participación de coñecidos e experimentados artistas multidisciplinares, como Antón Reixa, e de novos creadores como Luna Gallego. Tamén subiron ao escenario do Principal Catuxa Salom, Pompa e Boato, Fernán Permuy e os ourensáns Iletxu Marcos, Natalia Umpiérrez e Russo.
Esteban Prol González (Maceda, 1997) é o rapeiro Russo, un artista que compatibiliza a súa faceta laboral coa súa paixón polos sons e a improvisación. As competicións —as coñecidas como batallas de galos—, as actuacións que van saíndo nun entorno cada vez máis duro para o mundo da cultura e crear os temas para editar o seu primeiro disco son algúns dos aspectos aos que se refire cando se centra na súa faceta creativa.
Recoñece con fachenda Russo que Maceda é unha potencia rapeira e que cando fan as competicións son maioría os que veñen do pobo a participar nos encontros: «Se hai unha ducia de participantes seis baixamos de alí». Fai memoria e resposta axiña sobre os seus comezos; fixa a data cando andaba polos 11 ou 12 anos. «Sempre o escoitei e empezamos a improvisar co Pirata e outros compañeiros e aí foi cando me metín. O Pirata baixou antes e, no meu caso, no 2017 apunteime ás batallas de galos e ata hoxe».
Ourense, Vigo, Ferrol, Compostela e outras cidades foron escenarios das súas actuacións, aínda que a pandemia apagou a música. Cre que na cidade deixouse morrer a actividade e mesmo o pouco favorable ambiente cultural existente estalles a pasar factura: «Cando foi o de Morat estaba previsto que se fixese algo antes cos rapeiros ourensáns. Pero logo, da noite para a mañá, non se nos volveu a dicir nada e só houbo o seu concerto. En Ourense todo o que ten que ver coa cultura está peor que en calquera outro sitio, e xa non se organiza nada».
Non hai segredos para facer as cousas ben. A improvisación tamén se traballa e Russo faino a diario. Xúntanse nun piso na vila e van desenvolvendo as súas propostas. «O rap é improvisación, facer os teus temas ao momento e que queden cousas moi guapas para que lle gusten ao público». A clave é o esforzo: «Rapeo todos os días. Iso é como un entrenamento, como se che gusta o fútbol e xogas unha pachanga para manterte en forma. E eu, aínda que sexa nas pachangas, sempre quero gañar».
A situación profesional -adicase ás empresas da industria auxiliar do motor e agora está en paro- tamén fai que agora se estea tomando o rap máis en serio. «Baixo a Ourense para traballar o calambur e para practicar formatos: escolles palabras ou temáticas e con elas tes que facer improvisacións». Recoñece Russo que o deixou satisfeito a súa presenza no Imos ter máis que palabras, pola variedade de disciplinas e a conexión entre os participantes: «Que se lle dea consideración ao que facemos, que tamén é poesía e improvisación, e que houbese tan bo rollo entre os participantes fixo que todo saíse moi ben e que a xente se fose contenta». Tamén considera que é unha oportunidade para darlle unha maior visibilidade ao traballo que fan os artistas: «Hai moitos prexuízos e asociase o rap á delincuencia ou a xente que está fumando porros todo o día nun parque. E iso é un erro».
Á hora de falar das súas influenzas cita con admiración ao Pirata e confesa que lle gusta escoitar o rap que se fai en Madrid. Charlie, de Hijos Bastardos, Violadores del verso ou Hard Gz son algunha das súas preferencias. Confesa Russo, á hora de falar dos seus temas, que ten unha habilidade especial para abordar a dor: «Sempre escribín as mellores cousas cando pasei por malas épocas ou tiven un mal día. Creo que o traballo do artista ten que ir sempre acompañado polo sufrimento».
«É difícil vivir da música, pero non por iso hai que deixar de loitar»
Russo estudou en Maceda e deu continuidade á súa formación cunha FP Dual na Universidade Laboral de Ourense. Coa mesma entrou a traballar en empresas do motor: fixo prácticas en UNVI e traballou en Faurecia.
Coma os seus compañeiros, comparte a faceta laboral coa música. Crea os temas que ten na rede co procedemento que se emprega nestes casos: «Colles unha base musical que sexa libre, porque senón xa che costa diñeiro ao ter que pagar os dereitos, e sobre a mesma creas o teu tema. E logo súbelos a Youtube». O panorama nesta era dixital ten as súas vantaxes —«calquera pode facelo na súa casa sen un custe excesivo»— e as súas inconveniencias: «É difícil vivir da música, pero non por iso hai que deixar de loitar. E teño claro que o vou facer». Crear temas para facerse máis coñecido nas redes, as batallas de galos —co obxectivo de progresar e chegar a competicións de nivel que están ben pagadas e contan con bos patrocinadores— e crear seis ou sete historias de longa duración para editar o seu disco son agora mesmo os seus obxectivos prioritarios.
O máis inmediato pasa por preparse para participar na competición das Festas de As Dores, de Lalín.
Quen é.
- DNI. Russo é Esteban Prol González (Maceda, 1997).
- A súa profesión. Compaxina a faceta laboral nas empresas auxiliares do automóbil coa súa verdadeira paixón: a música, o rap, as competicións de improvisación e os bolos. Ten actuado en A Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol, Vigo, Barcelona, Valencia e Madrid, entre outros lugares.