Precaución e formación son as chaves no inicio da tempada de cogomelos

OURENSE CIUDAD

A. Mínguez

19 sep 2022 . Actualizado a las 11:17 h.

Esta semana coas primeiras chuvias e a temperatura suave empezan a sair os cogomelos silvestres tras un verán moi seco. Ourense é un lugar rico en cogomelos, malia a escasa tradición na recollida e consumo. É imprescindible formación botánica para sair ao monte e manterse actualizado para non errar, identificar os cogomelos polas súas características físicas e coñecer o nome en latín, común para toda a comunidade científica internacional. Os cogomelos poden ter moitas partes con diversas formas e cores que poden mudar no seu proceso de crecemento e, en función das condicións climatolóxicas, ás veces en moi curtos períodos de tempo.

Cómpre salientar cos fungos, e os froitos dalgúns deles que son os cogomelos que vemos a simple vista, son depuradores do medio natural. Son os encargados de limpar os restos vexetais a animais, son os socios de determinadas plantas ás que protexen, son alimento de animais e tamén dos homes. O cambio climático está moi presente no mundo fúnxico, desaparecen certas especies e aparecen outras típicas doutras latitudes. A man do home por medio da recollida indiscriminada ou os incendios acaba con parte desta riqueza e o abandono do campo tamén se nota moito entre os afeccionados aos cogomelos, xa que onde antes había praderías, agora hai monte e, en moitos casos está suxo, inaccesible e nada propicio para a fructificación de especies.

Nestes primeiros compases da tempada xa hai cogomelos silvestres comestibles, sen valor culinario e tamén tóxicos, incluso mortais. Por esta circunstancia é imprescindible a precaución e a formación botánica no momento de achegarse a este mundo. Non hai regras de identificación popular e todos os anos hai ingresos hospitalarios por consumo de cogomelos tóxicos. En moitos casos o paseo, o exercicio, recoller o lixo, fotografar ou identificar especies poden ser cuestións tan satisfactorias como levalos á tixola. Este fin de semana en Celanova rexistrabanse excelentes comestibles como Agaricus campestris, ou champiñóns e Macrolepiota procera ou cogordo pero tamén especies con toxicidade.

Galicia ten unha normativa micolóxica que debemos coñecer e que nos limita a cantidade recolectada a dous quilos por persoa e día. Non se poden empregar apeiros agresivos como sachos ou angazos, debemos saír cunha cesta para recollelos evitando unha bolsa de plástico e teremos que arrincalos coa axuda dun coitelo pola base tratando de non danar o medio e constatar todas as partes do cogomelo.

O colectivo micolóxico de Celanova recomenda que o mellor para aqueles que se acheguen por primeira vez ao mundo dos cogomelos é participar en charlas e ir da man de alguén que teña certa experiencia e formación. Hai que empezar pouco a pouco, sen querer sabelo todo con rapidez.

Alejandro Mínguez é o secretario da Asociación Micolóxica de celanova