Xosé Manuel Núñez Seixas: «Son os nacionalismos os que constrúen as nacións e non ao revés»

Fina Ulloa
fina ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Xosé Manuel Núñez Seixas
Xosé Manuel Núñez Seixas ALEJANDRO CAMBA

O historiador defende que o sentimento identitario non ten por que ser xenófobo

14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nado en Ourense no ano 1966, a vida do historiador Xosé Manuel Núñez Seixas non dista moito da dun trotamundos. De neno, como moitos fillos de emigrantes, viviu en distintas localizacións. Xa de mociño, os estudos levárono primeiro a Santiago de Compostela, despois a Francia (foi, segundo conta, o primeiro Erasmus da súa facultade), e máis tarde a Italia. Exerceu como catedrático de Historia Contemporánea na universidade compostelá e na Ldwing Maximilian de Múnich, en Alemaña; ademais de ser profesor convidado en Stanford, París, Verona ou Arxentina.

—Moitos dos seus traballos e publicacións xiran en torno aos nacionalismos. ¿Por que naceu o seu interese polo tema?

—En parte, o principio foi político, obviamente. Estaba en Santiago, na segunda metade dos oitenta e na universidade o nacionalismo galego era bastante forte. Eu tiña curiosidade polo que pasaba e empecei a interesarme polo estudo do tema. Comecei co galeguismo en América por unha casualidade. Coñecín a un arraiano, Bieito Fernández, que daquela xa tiña oitenta e tantos anos. El fora emigrante en Bos Aires nos anos 30 e alí presidiu a Sociedade Nazonalista Pondal, un grupo independentista que editou un periódico. Nunca foi unha persoa cun protagonismo cultural nin escribira ningún libro, pero deixoume ver todo o seu arquivo.

—¿Como percibe ese sentimento de identidade e pertenza unha persoa como vostede que é fillo e neto de emigrantes e se moveu por tantos países?

—Un é de moitas partes, aínda que sempre tiven moi en conta que primeiro de nada era galego. Pero tamén teño a miña maneira de ser galego.

—¿Comparte iso de que os nacionalismos supéranse viaxando?

—Moitas veces, e isto xa o dicían os clásicos alemáns, o nacionalismo é unha cuestión de imitación; de viaxar, ver o que fan outros e descubrir o propio. De tódolos xeitos a min non me gustan as respostas simples a problemas complexos. Os nacionalismos están aí e as identidades nacionais, obviamente, son elaboracións ou construcións.

—Explique iso.

—Eu considero que son os nacionalismos os que constrúen as nacións e non ao revés. As nacións non son pedras. Hai xente que pensa que as nacións son xeoloxía; algo que está dado. Que naces nun lugar e tes que ser dese lugar porque si, e tes que ver a realidade do mundo dunha maneira determinada. Eu non. Os nacionalismos son receitas; son gastronomía. Hai elementos, en cada lugar danse determinadas plantas, determinados animais, determinados ingredientes cos que elaboras o que é a nación. E isto vale para tódalas nacións. Non se pode dicir que hai nacións que son invento e outras que son auténticas. España, Italia, Portugal ou Alemaña tamén son inventos do século XIX. ¿Que teñan raíces anteriores en monarquías que non se definían como nacións, se non como outra cousa? Pois si, pero son tan lexítimas como a nación checa ou a nación galega, para quen crea nela, que vén do século XX.

—¿Por qué os nacionalismos serven tan a miúdo como escusa para a confrontación violenta?

—Dende a primeira guerra mundial, e incluso dende moito antes, nas guerras napoleónicas, as paixóns nacionais teñen servido para crear enfrontamentos porque toda nación precisa dun outro. Pero isto aplícase tanto a España contra Francia na época napoleónica como ás guerras de Iugoslavia. Hai nacionalismo galego pero tamén hai nacionalismo español, e tan localista pode ser un coma outro. Todo depende da lectura que lle demos. A Xeración Nós non tiña unha visión localista de Galicia; todo o contrario. Os islandeses están moi orgullosos dos seus valores, preservan un idioma milenario e mesmo cheo de arcaísmos, son 350.000 pero é unha sociedade innovadora e súper aberta ao mundo a pesar de estar moi lonxe. Son nacionalistas cívicos, non xenófobos. Ás veces non hai que quedarse cos termos, se non ver como os redefinimos para que teñan un valor positivo e coherente coa aspiración dunha humanidade máis xusta e interconectada. Aínda que agora a tendencia parece ser outra.

«Considérome afortunado porque traballo no que sempre me gustou»

«As veces son un impaciente», confesa Xosé Manuel Núñez Seixas cando se lle pregunta polo seu peor defecto. Pola contra, presume da súa constancia. «Penso que son cumpridor. Se me marco un obxectivo, especialmente no plano profesional, normalmente non paro ata cumprilo», asegura. Este ourensán afincado en Santiago tense por unha persoa con sorte polo feito de ter podido exercer a profesión que elixiu dende moi novo.

«Nalgún momento pensei ser futbolista, e mesmo astronauta, pero enseguida, con dez anos ou así, empezou a tirarme a historia. Sempre foi a miña paixón, a miña vocación. Considérome afortunado porque traballo naquilo que sempre me gustou».

Asegura que non ten unha grande listaxe de afeccións. Lector «voraz», segundo el mesmo di —consume especialmente ensaio—, tamén lle gusta viaxar. «Teño que facelo moitas veces por temas de traballo, e iso é unha sorte; pero tamén gusto de moverme simplemente por ver e coñecer. De feito aproveito moitas veces que me convidan a algún sitio por motivos profesionais para sumar algúns días para visitar lugares próximos», conta.

Non se considera un melómano empedernido, pero si que ten debilidade pola ópera e especialmente por Wagner. Aínda que tamén segue escoitando a música que lle gustaba na súa mocidade. Os temas das décadas dos setenta e oitenta do pasado século seguen formando parte das súas preferencias á hora de relaxarse. «Fun nunha época moi de rock sinfónico, pero tamén son moito de grupos moi clásicos, tipo Led Zeppelin, por exemplo», explica. Conserva a súa colección de LPs e tamén o seu vello tocadiscos, pero conta que hai máis de vinte anos que non os usa. «Cando teño nostalxia e quero escoitar un concerto dalgún daqueles grupos, boto man das novas tecnoloxías», conta.