O Gerardín

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OURENSE CIUDAD

28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Afirman os que coñecen as estatísticas que non houbo un xullo coma este. En Ourense capital os termómetros estiveron a piques de rebentar. En Verín, case. O primo Gerardo combate a calor sen cambiar as súas rutinas: escribir nas súas libretas os datos máis inverosímiles. Sei en que anda agora: anotar as fichaxes de todas as seccións do seu club predilecto (fútbol, baloncesto, balonmán...), o peso e altura de cada incorporación, os seus hábitos e costumes e un longo etcétera. E, coma sempre, adaptando o nome real á súa maneira. Deste modo ao flamante xogador checo que vestirá a camiseta do Barcelona, Jan Vesely, chámalle Visli. «Para entendérmonos, neno», dime. Nós quixemos facerlle unha homenaxe aos seus modos de adaptar os nomes. Mercamos un robot deses que sega a herba el soíño. Un portento. Dende as nove da mañá ás nove da noite, o aparello non deixa de rumiar herba e herba e máis herba. Ao principio ao Gerardo non lle pareceu ben o do robot porque el, xa xubilado, é quen se encargou sempre deses labores de xardinería. «E todo porque ti es un inútil», afirma Berta con rotundidade, mirándome. Non levo mal a condición de inútil: carente de utilidade práctica. Porén, o meu primo está comezando a admirar esta característica ou condición que me é propia. Mira ao robot segador e asegura que é unha marabilla. «E iso que eu non o quería», asevera. Asubía e aparece o robot. Prodixioso. Foi o mellor que puidemos facer. Imaxinen coa calor vernal deste xullo ao meu primo empuxando a segadora arriba abaixo arriba abaixo. Ata lle colleu cariño ao robot. Fala con el mimosamente. E cando pensa que ninguén o ve, dálle aloumiños. Na súa honra bautizámolo. Chámase Gerardín.