Luís Seara, candidato do BNG á alcaldía da cidade: «Temos que recuperar o orgullo e a autoestima de ser de Ourense»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O edil culpa ao PP da parálise da cidade e lembra o papel de Manuel Cabezas no PXOM anulado pola xustiza no 2003

17 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non era doado liderar unha candidatura do BNG nun escenario como o que se presentaba hai uns anos. E moito menos aturar o que vai de mandato sendo obxecto dos ataques e das descalificacións de quen non respecta as regras do xogo democrático. A Luís Seara (Ourense, 1964) lévano aldraxado, censurado e botado do pleno da corporación municipal unhas cantas veces. El incide no que cre evidente —que non é outra cousas que lembrar a reflexión de estar na peor etapa política da cidade— e vén de ser ratificado como candidato á alcaldía de Ourense nun acto no que estivo apoiado pola responsable do BNG, Ana Pontón.

—De volta á cita coas eleccións municipais?

—É unha tarefa que asumo con moitísima ilusión e responsabilidade. E máis tendo en conta a confianza unánime dos compañeiros para que sexa cabeza visible deste importante grupo que hai detrás do proxecto do BNG.

—Leva de concelleiro na cidade dende xuño do 2019. Que valoración fai do actual mandato?

—En case trinta anos de actividade política é difícil atopar algo peor. Este é un goberno de encefalograma plano. Mais non son só estes tres anos, son sete anos acumulados de parálise —isto xa vén da época do PP— e dun goberno municipal sen ideas e con moitas ocorrencias e propagandas.

—Dito así soa algo abstracto.

—As evidencias son abrumadoras. Se miramos a liquidación do exercicio 2021 veremos que había 88 millóns para inversións e só se gastaron 7, por exemplo. E logo non hai máis que revisar a actividade destrutiva deste goberno: cargáronse a Universidade Popular de Ourense, pecharon o Museo Municipal —menos mal que non prosperou o de facer oficinas no Valente—, liquidaron o centro tecnolóxico da Muiñeira, temos un verán sen programación cultural, seguimos sen PXOM, as termas están pechadas...

—Cárgao no «debe» de Jácome ou reparte responsabilidades?

—A culpa do que está a acontecer na cidade é do PP, e de xeito directo de Baltar. A el o único que lle importou foi manter a Deputación e para iso condenou aos veciños de Ourense, porque a cidade nunca lle interesou nada.

—Regresa Cabezas.

—O PP resucita a Cabezas, que é pasado, e para nós o importante é pasar páxina e loitar polo futuro. Queremos un tempo novo porque a herdanza de Cabezas xa a coñecemos: lémbrolle que no 2003 anulouse o PXOM de Ourense polo «cambiazo» e por iso estamos coas normas de 1986. Se iso o chega a facer outra persoa estaría inhabilitada de por vida.

—Na súa presentación en San Francisco falouse de retos.

—Levamos tempo traballando e temos cinco grandes eixes nos que incidir. Queremos facer de Ourense o concello da auga —máis alá do termalismo e como fonte de riqueza, benestar e saúde—, traballar por ser un municipio creativo —fronte aos que arrasan coa cultura e abandonan á mocidade—, en movemento —coa recuperación de rúas e espazos para ser unha cidade para os peóns—, verde e sostible —con máis natureza e menos arboricidios—e acolledora e feminista —onde prime a inclusión e a diversidade—. Os obxectivos témolos claros e tamén que temos que recuperar o orgullo e a autoestima de ser de Ourense.

—O cambio de ciclo está a favor?

—A xente quere rematar con estes sete anos de parálise e esa é a mensaxe que nos transmiten. Nas municipais do 2003 fomos a segunda forza política na cidade —con sete concelleiros— e nas xerais do 2020 volvemos a selo. No 2023 melloraremos o resultados, e mesmo estaremos en situación de loitar pola alcaldía.

—Daquela que farían co PXOM?

—Sacalo a exposición pública e consensualo porque é o documento que pode dinamizar a cidade. Jácome non foi quen de facelo nin cando tiña maioría.

«Chegamos a crer que se ía conseguir a liberación de Miguel Ángel Blanco»

Xosé Luís Seara Fernández é un militante da cidade e un namorado dun casco histórico no que naceu, se criou e —como aconteceu en moitos casos entre os mozos do seu tempo— traballou arreo no negocio familiar. Na Rúa do Villar 52, hoxe 44, está o comezo da súa historia e ao lugar ficou vencellada a memoria familiar. Os pais foron emigrantes en Venezuela e na zona monumental da cidade tiñan o restaurante e hospedaxe A Mezquita, fronte ao Pompeo. Dende a distancia Seara lembra ao mozo que estudaba no instituto ou na universidade e que logo botaba horas sen reloxo servindo comidas e axudando no negocio familiar, na compaña dos seus pais e a súa irmá. Fixo Maxisterio e compaxinou os diferentes traballos que se sucederon —dando clases, de administrativo e nunha editorial— coa actividade en A Mezquita. E rematou na política de casualidade.

—Por que se presentou na Merca?

—Rodríguez Peña veu falar con meu pai para que fose de candidato. Díxolle que xa non tiña idade para esas cousas e que debería buscar a xente máis nova. Eu estaba alí e así foi como acabei de candidato.

—Vostede era concelleiro cando asesinaron a Miguel Ángel Blanco. Como lembra aqueles días?

—Con moito amargor e como algo de infausto recordo. Había pouco que era concelleiro. Estaba na praia e viñen a toda presa para o Concello da Merca para facer o seguimento do que estaba a pasar cos meus compañeiros. Era daquela alcalde Manuel Vázquez Outeiriño. Fixemos vixilia alí toda a noite, no Concello, e houbo momentos en que chegamos a crer que se ía conseguir a liberación de Miguel Ángel Blanco. O seu asasinato demostrou que estabamos errados cando pensabamos que ía haber outro tipo de solución. Aquilo foi unha traxedia.

Quen son.

«Considérome unha persoa resolutiva, serena, reflexiva, dialogante e á que lle encanta escoitar. Son moi autoesixente e inconformista, gústanme as cousas ben feitas. Son un apaixoado do que fago e vexo a política como unha ferramenta ao servizo do ben común»