Regresa Alberto Canal cunha historia de libros, maquis e liberdade

La Voz

OURENSE CIUDAD

cedida

O escritor ourensán publica en Xerais Narrativa a súa nova novela: «Carolina»

03 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve Alberto Canal (Casal de Maus, Ourense, 1967) á mesa de novidades das librarías e faino con «Carolina», unha historia na que os libros son os protagonistas, xunto á loita pola liberdade, os maquis e a represión das ditaduras. Sexan cal for as mesmas.

Carolina Ernau, a protagonista, é unha maquis que nunca contou chegar a tal e que rematou converténdose en fuxitiva polo territorio do Macizo Central ourensá. E todo por mor da súa paixón e a da súa nai, a mestra Elvira Ernau, polo mundo dos libros. Algo que, dito así, semella non ter maior importancia mais era arriscado nuns anos —os 40 e 50 do pasado século, en plena ditadura franquista— nos que moitos exemplares foron queimados e unha chea de títulos prohibidos ou censurados.

Á historia de Carolina chega un xornalista bolseiro, Tomás Abilleira, e faino logo de coñecer o relato por boca dunha vella enxeñeira que traballou para os nazis. Tamén é «Carolina» (Xerais) a historia dunha vinganza: a de Tucho Ernau, neto da protagonista e anarquista radical que decide administrar a xustiza pola man.

De Tanco a Hemingway

Confesa Canal que coñecer historias como a de Carlos Vázquez, o libreiro fundador de Tanco, ou atoparse hai máis de vinte anos cunha anciá que traballara como enxeñeira para os nazis nas minas de Vilardevós —e que lle deu pé para crear a personaxe do libro— tiveron a súa pegada á hora de escribir «Carolina». Tamén recoñece o pouso dos libros e as lecturas que cada un fai ao longo da súa vida e asegura que «Por quién doblan las campanas», de Hemingway, ten un protagonismo especial na novela.