Os músicos Daniel Alonso, Carlos Rego e Aser Álvarez son Tesouro, unha nova agrupación con orixe ourensá
10 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Os músicos Carlos Rego, Aser Álvarez e Daniel Alonso teñen en común a súa aposta persoal polo rural ourensá —o primeiro vive en Soutopenedo (San Cibrao das Viñas), o segundo en Roimelo (Allariz) e o terceiro en Calvelle (Pereiro de Aguiar)— e tamén o amor pola música. Logo de tocar, xuntos e por separado, en distintas agrupacións, agora dan vida a un novo proxecto común, o grupo Tesouro. «Aser e máis eu tiñamos outra banda, Burgas Beat, que foi desaparecendo pouco a pouco. Polo 2019, comezamos a xuntarnos para tocar algúns temas e foi xurdindo a idea de Tesouro», comenta Carlos, que é o vocalista e guitarrista do grupo. Con Aser á batería, déronse de conta de que necesitaban un baixista e así apareceu Daniel, membro de Os amigos dos músicos. «Eu sumeime encantado e así comezou o camiño», apunta o músico. Un ano despois dese momento, acaban de rematar a gravación do que será o seu primeiro disco, que verá a luz a finais de ano. «É o traballo que máis ilusión me fai de todo o que teño feito ata agora», admite Carlos. Como adianto, dous dos temas do álbum xa poden escoitarse na plataforma Bandcamp de forma totalmente gratuíta.
Brillo e Roimelo son as primeiras cancións que Carlos compuxo para este proxecto, do que é tamén letrista. «Penso que o que facemos é pop, como din os nosos amigos, no mellor sentido da palabra. Nada novo, temas sinxelos de tres ou catro minutos, nos que as guitarras teñen gran protagonismo. Pero creo que se nota moi ben que son nosas», di Carlos. «Estou feliz de seguir tocando e de poder dedicarme profesionalmente a isto. Penso que Tesouro ten moito bo que contar e agardo que o faga moitos anos», comenta Aser. Antes de que o álbum vexa a luz será posible escoitalo en directo. Teñen unha cita en Ourense, o 18, nunha nova tenda de discos que abrirá nos próximos na rúa Sáenz Díez. E o 13 de agosto tocarán en Ferrol, de onde é Daniel, no festival Felicia Pop.