Carlos Núñez, músico: «Levo máis de trinta anos tentando crear a Orquestra Sinfónica de Ourense»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Profesor no conservatorio, exerce tamén como productor e editor

23 may 2022 . Actualizado a las 16:25 h.

Carlos Núñez Deza (Ourense, 1970) ten unha frase na súa páxina web que comparte protagonismo coa fotografía na que aparece na súa faceta máis coñecida. «La vida es música» é moito máis que unha cita e resume as múltiples facetas nas que se desenvolve o profesor do Conservatorio Profesional de Ourense. Docente de frauta traveseira no mesmo centro do que foi director nunha etapa axitada e fundamental para unha institución que está a celebrar os seus 65 anos de historia, concertista, produtor musical, editor e namorado dos trens son diferentes realidades que teñen como nexo común esa paixón que se ten convertido na súa vida dende que era un mozo.

—Ou botei mal as contas ou andivo algo adiantado. Nas mobilizacións do 95 era director con 25 anos?

—Comecei a dar clases con 18 anos. Daquela o Conservatorio aínda non dependía da Xunta.

—E cando estivo de responsable do mesmo?

—Fun director nove anos: de 1993 ao 2002.

—Como lembra aquela etapa para conseguir unha sede?

—Foron uns tempos moi fermosos. Estaba rodeado de profesores mozos e formabamos un conxunto heteroxéneo moi interesante e altamente cualificado. Conseguir que fixeran unha sede para o Conservatorio foi un traballo conxunto que contou co apoio da cidade, porque era unha reivindicación xusta. Tamén teño que recoñecer que aquilo me puxo nunha situación ingrata, porque a fin de contas sacrificas a túa posición ao loitar contra a Administración. Pero pagou a pena. Volvería facelo.

—Segue a compaxinar a docencia coa actividade de músico solista?

—Esa é unha faceta que teño algo aparcada. Agora estou máis centrado na produción e na actualidade hai moito movemento. Saímos da pandemia e existe unha grande demanda de actividades, a xente quere recuperar a normalidade, o tempo perdido, e os auditorios volver a soar.

—En que proxectos traballa?

—En varias iniciativas, aínda que a máis coñecida é Ourencanto. E temos tamén en marcha un proxecto itinerante co Xacobeo.

—Ourencanto é xa unha fórmula consolidada?

—Consolidada e en crecemento. Xa se celebrou a primeira edición en Burgos, en abril, e vai haber outra proposta: Tenerife en canto. Neste caso aínda non se fixo o concerto pero vaise crear a proposta. Ourencanto é un proxecto único que está a xerar demanda fóra de Galicia —e moi interesante— que naceu da inquedanza da miña muller, Cristina Rodríguez Boado, e Luisa Sánchez, do coro Xunqueira de Pontevedra, e que sempre vai a máis. Lograr implicar a Josu Elberdin foi algo marabilloso.

—Traballan tamén nun proxecto para o Xacobeo?

—A iniciativa xa existe e está en marcha. Per Agrum é unha cantanta sinfónica coral, para orquestra e coro, na que unha serie de movementos reproducen o Camiño. Foi creada por Josu Elberdin e participan nas actuacións a Orquestra 430 de Vigo e un coro de 120 rapaces procedentes de Cantigas de Ourense e Xunqueira de Pontevedra. Tamén do Easo (Donostia) e un de Pamplona. Xa se celebraron os concertos de San Sebastián e Zaragoza e quedan os de Pamplona, Burgos, Ourense e Santiago. O da cidade será en outubro.

 

Gravador de sons de locomotoras 

Carlos Núñez é un corredor de fondo que traballa en moitas iniciativas e que mantén sempre algún proxecto na folla de cousas pendentes. Da tradición familiar herdou a paixón pola edición, que completou coa formación en fotografía e deseño. As lembranzas do seu paso polas imprentas de neno aínda é un dos seus mellores recordos. Hai 25 anos que creou Armonía Universal, a súa editora.

—Como naceu o proxecto?

—Quería publicar os meus propios libros de música e non había, en todo o Estado, quen fixese o que necesitaba. A partir de aí comecei a traballar nesa liña. A edición é importantísima e gústame coidar todos os aspectos: deseño, fotos, composición, textos facilmente lexibles, etcétera. O obxectivo é facer libros especiais, non normais.

—Como xorde o dos trens?

—Foi unha paixón infantil que recuperei cando meu fillo empezou a interesarse polas maquetas. Reparei en que, a diferenza da miña época, agora se lles podía incorporar son e de aí nace a iniciativa de gravar o son das locomotoras. Rexistras os diferentes momentos —arranque, parada, aceleración, freada, estados do motor e os sons complementarios: compresor, freos, bucina— e logo compílalos e procésalos para que podan ser utilizados. Traballo cun socio de Barcelona, Simón Osorio, e facemos proxectos para aquí e para países como Polonia, Reino Unido, Alemaña, Portugal e Estados Unidos. Unha gran parte do traballo realizámolo para a empresa alemá Doehler & Haass

—Que iniciativa non saíu?

—Levo máis de trinta anos tentando crear a Orquestra Sinfónica de Ourense. 

Do curmán gaiteiro ao legado de Albino Núñez e a paixón pola vela

Mantén Carlos Núñez que os comezos musicais son importantes, pero non básicos, e que o fundamental «é vivir». El fíxoo e do seu camiño de formación académica garda unha especial lembranza do Conservatorio Profesional de Donostia —«foi o que me axudou a superarme e medrar»— e uns inicios nos que «o realmente importante é que goces da vida que desexas e do que é a túa paixón». Primeiro premio especial de Fin de Carreira e Matrícula de Honra en Frauta Traveseira, a actividade musical foi ampliándose a outros horizontes e inquedanzas e na actualidade «non só a música, senón tamén a edición, a produción ou a enxeñaría de son representan na actualidade as facetas que marcan a miña vida». A paixón musical é tamén sinal de identidade familiar: a súa muller é, coma el, profesora do Conservatorio de Ourense e o seu fillo está estudando en Amsterdam. «Será un gran músico», vaticina o pai.

O nome representa un legado familiar e, ao tempo, motivo de brincadeira. Do seu tío Carlos Núñez —impresor, publicista, deseñador e hai anos tenente de alcalde de Vigo como membro do PC— herdou esa paixón «polo arrecedendo a papel, tinta e cola do libro novo» e vive con orgullo compartir nome co seu curmán gaiteiro.

—Terano confundido unhas cantas veces?

—Xa che digo. Chamo aos sitios e digo que son Carlos, sen máis. Se digo que son Carlos Núñez xa que preguntan: ‘O gaiteiro?’ Con todo tamén teño que dicir que non é algo novo. Nas comidas de Nadal xa nos pasaba. Dicían ‘Carlos’ e xa contestabamos os tres: me tío, meu curmán e máis eu.

—Para cando un concerto de Carlos Núñez ao cadrado?

—Temos tocado xuntos. Nunha ocasión fixémolo aquí, no Auditorio de Ourense. É unha mágoa que non teñamos fotos. Hainas, pero son de móbil e algo lonxe. Por riba eramos tres Núñez, porque tamén estaba Xurxo —irmán de Carlos— na percusión.

—Sempre reivindica o nome de Albino Núñez.

—Esta cidade ten moitas figuras ás que lembrar ou recoñecer e un deles é o meu avó. É certo que ten unha rúa e un colexio leva o seu nome, mais segue a ser un descoñecido para o gran público. Gustaríame que en Ourense a xente soubese da transcendencia e importancia de Albino Núñez. Foi un defensor da liberdade, o primeiro que avogou polas clases mixtas de homes e mulleres —en datas nas que estaban separados—, foi unha das primeiras persoas que loitou polo galego e un grandísimo poeta. Digamos que teño esa pequena inquedanza persoal. Editei as súas obras e unha poesía, Terra maina, foi musicada por Josu Elberdin e sempre a cantamos no Ourencanto. Hai moita xente que esta cidade debería reivindicar.

—Desconecta coa música?

—Para min traballo e ocio van xuntos porque vivo do que me apaixoa. Aínda que tamén teño que dicir que non concibo a vida sen a navegación. O meu paraíso é San Vicente do Mar e sempre que podo intento que o meu ocio sexa por alá para navegar.

Quen son

«Dediquei a miña vida á música. Traballo en frontes diversas e cada unha delas é un reto. Considérome perfeccionista e apaixóname o traballo ben feito; a clave é rodearse dun bo equipo. Como profesor, creo que os nosos mozos necesitan bos exemplos e unha educación artística e en valores»