«Jorge e Toni teñen unha moi alta porcentaxe do éxito da UD Ourense»

OURENSE CIUDAD

Fernando Currás, presidente de la UD Ourense, en una imagen del año 2017.
Fernando Currás, presidente de la UD Ourense, en una imagen del año 2017. Santi M. Amil

O presidente unionista fala de abordar a planificación coa idea de mellorar

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano, as mensaxes que recibía Fernando Currás polo descenso da UD Ourense eran tristes, de ánimo pero tristes. Onte luns, o seu teléfono móbil volveu ferver, pero con chamadas de parabéns. «É o que ten o fútbol, é todo moi esaxerado», di, con filosofía.

—Este ano na Preferente ía ser para a reconstrucción. O primeiro equipo xa volve á Terceira. Deu tempo a reconstruír, pódese seguir facendo na nova categoría?

—Hai que planificar, pero temos claro o que queremos. A idea xeral é mellorar e tamén esa é a idea nesta categoría. Facelo o mellor que poidamos. Aínda quedan dúas xornadas e a Copa e haberá que concretar, pero hai que mellorar certas cousas e mirar por onde podemos ir. Porque no fútbol é todo moi esaxerado e vai moi rápido. Nós temos que manternos en ser o mellor que poidamos, pero sen excesos, sen pasarnos, e coa idea clara de seguir mellorando a canteira porque é o futuro.

—A afección, que nunca se foi, parece que reenganchou máis con este equipo. Como manter esa unión?

—O que nos dá a nosa afección é unha tolemia. Non hai palabras para reflexalo. O domingo volveuse demostrar que este club é diferente: os nenos que había en Meis, os utilleros, éramos todos un. Esa afección obríganos a dar o mellor de nós.

—Que soubo do incidente da celebración en Ourense, cunha bengala que feriu un policía?

—Falei co policía para darlle ánimos e condear eses actos, que son unha barbaridade. Pero iso non debe restarlle protagonismo ao comportamento exemplar que tivo a nosa afección toda a temporada. Sempre me felicitaban nos campos os que iamos. A nosa afección non é a que tira unha bengala.

—Continuidade, regularidade os bos resultados ou bo xogo. Cal destas virtudes do equipo valora máis?

—O que valoro é ese vínculo, esa comunión dese vestiario cos xogadores que, despois dun descenso, se quedaron. Non dubidaron nese compromiso. Pero, por riba de todo, Jorge e Toni teñen unha moi alta porcentaxe do éxito da UD Ourense. Os xogadores tamén, pero gañar todos eses partidos e manter esa regularidade non é cuestión de sorte. Os que estamos dentro do fútbol sabemos da dificultade que entraña. Temos boa plantilla e bos xogadores, a xente sabe que equipo somos, pero hai que poñer en valor o traballo de Jorge e Toni.

—Eses factores reverteron positivamente a nivel social e institucional? Foi un bo ano para o club en ingresos, patrocinios e masa social?

—Da parte da directiva, agradezo a colaboración dos que se xuntaron comigo, se non non podiamos facer nada. Fixemos actividades para poñer en valor a UD Ourense e para chegar a ter impacto na sociedade. E hai que seguir por esa vía. Houbo un traballo esaxerado para xerar recursos e logramos salvar unha temporada chea de incertezas. Iso era a nosa obriga e síntome satisfeito.

—Inda non rematou a temporada, pero este será o equipo base para a próxima temporada na Terceira?

—Temos que sentarnos con Jorge e Toni, porque van ser eles quen decidan. Estamos súper orgullosos da plantilla e os xogadores poden estar tranquilos polo que fixeron. Cando acabe todo, hai que falar e concretar, pero coido que a maioría seguirán.

—Logo, o corpo técnico continuará?

—Non temos un contrato asinado, pero non espero sorpresas por ese lado. Para o club é fundamental que continúen. Nós darémoslles facilidades e recursos porque os van saber manexar. Intentaremos achegarnos ao que nos pidan.