Ourense amosa unha colección única de gravados dos séculos XV ao XX

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

As obras do proxecto «O amante do papel» nunca foron expostas

14 may 2022 . Actualizado a las 18:19 h.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugura esta tarde (20.00 horas) unha exposición única no seu xénero. O amante do papel. Cartografía dunha colección de gravado é unha mostra de orixinais datados entre os séculos XV e XX que nunca ata o de agora foron amosados en público e que forman parte dunha colección privada galega que conta con máis de 2.000 orixinais. A comisaria do proxecto que se poderá ver en Ourense, Rosario Sarmiento, referiuse ao fondo como «unha das coleccións de gravados máis importante de España e as pezas escollidas buscan crear un percorrido polos fondos da mesma» e agradeceu ao propietario das obras —a identidade do mesmo non se deu a coñecer— por ceder os orixinais que forman parte do proxecto.

De Durero y Rembrandt a Tápies

En total son corenta e tres as pezas que forman O amante do papel. Cartografía dunha colección de gravado e na exposición inclúense gravados, debuxos ou litrografías de artistas como Pablo Picasso, Rembrandt, Alberto Durero, Marc Chagall, Rubens, Toulouse-Lautrec, Salvador Dalí, Tápies, R. R. Penck, Giuseppe Vasi, Hans Hartung, J. Friedläender, Jorge Castillo, L. Von Hofman, Max Ernst, Oscar Kokoschka, Piero Dorazio, Piranesi y Wifredo Lam.

A exposición está artellada de xeito cronolóxico e temático, buscando reflectir na mesma os grandes nomes da historia da arte para facer un percorrido pola mesma. Nos eixes temáticos destacou Rosario Sarmiento a presenza dende as pezas máis vencelladas ao mundo da relixión —Durero, Rembrandt— ás que teñen como motivo a arquitectura ou as vencelladas ao Art Nouveau, á abstracción ou ao surrealismo. Na selección das corenta e tres pezas que forman O amante do papel «o abano de artistas é impresionante», segundo sinalou Sarmiento. No catálogo, a responsable da mostra fai un percorrido pola situación do coleccionismo en Galicia e pola evolución do mesmo. Dende os tempos en que era case inexistente aos anos 80 e a recuperación da democracia, escenario no que se deu «un proceso de normalización cultural no que a posta en marcha de novas institucións educativas e de centros de arte, xunto a unha maior profesionalización do sector e o impulso do coleccionismo público e privado, propiciarán unha modernidade e conexión cultural e artística co contexto internacional».

Do Renacemento aos Beatles

O director do Marcos Valcárcel e o vicepresidente segundo da Deputación, Francisco González e César Fernández respectivamente, coincidiron á hora de agradecer á comisaria o ter pensado no espazo expositivo ourensá para mostrar a colección e na coincidencia no mesmo das exposicións de gravados, a de The Beatles e a do proxecto de recuperación do coche Alpinche.