Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense: «O valor do fondo documental excede o valor patrimonial do edificio do Arquivo»
OURENSE CIUDAD
O responsable da institución lembra que o provincial de Ourense é un dos mellores do Estado
07 may 2022 . Actualizado a las 22:25 h.Hai oitenta anos que Xesús Ferro Couselo andaba a traballar para crear o Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Co legado de Facenda, que era onde estaba destinado, o Catastro de Ensenada e os fondos desamortizados dos mosteiros foi tecendo un proxecto que botaría a andar en 1943. As xestións co Estado deron o seu froito e mercouse o edificio do vello pazo episcopal para acoller ao Arquivo e ao Museo Arqueolóxico. Coas dúas institucións no mesmo inmoble, e coa vivenda no propio pazo, o edificio do casco histórico e a Biblioteca foron o seu territorio —«é aínda lle daba tempo para escavar», apunta o actual director— e o eixe de moitos proxectos, iniciativas e traballos que lle valeron o recoñecemento galego e nos que se incidiu cando se lle dedicaron as Letras Galegas. Camiño da celebración dos 80 anos de existencia, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense vive os seus mellores tempos: da falta de espazo, e de ter os fondos amoreados polos recantos e os chanzos das escaleiras do vello pazo, a un edificio coa categoría de BIC e de Monumento Nacional no que se investiron máis de quince millóns de euros para axeitalo ao seu novo cometido. Outro Ferro, Pablo Sánchez Ferro (Madrid, 1973) neto do fundador, estará de director cando a institución chegue á celebración.
—Xa non ten problema de espazo.
—Non. Dende que viñemos para aquí, en setembro do 2020, a situación cambiou radicalmente e iso tamén nos permite desenvolver actividades que antes non podíamos realizar e potenciar os servizos.
—O Arquivo é o gran descoñecido para os ourensáns?
—Xa non. Para o gran público —é dicir, máis alá dos investigadores e dos usuarios cotiás— cada vez é máis coñecido. As visitas están crecendo moito e a situación actual é excepcional: temos dúas exposicións permanentes —unha sobre o conxunto monumental e outra sobre os fondos— e seguimos coas visitas teatralizadas e actividades como a escritura medieval, que ten moito éxito.
—Edificio e fondos son os argumentos desta nova etapa?
—Por un lado temos o continente e por outro o contido. O vello convento dos franciscanos e a reforma que se fixo son excepcionais, unha xoia na que é un privilexio traballar. Con todo, o valor documental excede o patrimonial do edificio do Arquivo.
—Que lle dá esa consideración?
—O de Ourense é un dos mellores arquivos provinciais, por non dicir o mellor, de España. Esa condición nace do feito de que aquí non ocorreu, como no resto dos casos, que se mandasen os fondos relixiosos ao Arquivo Histórico Nacional, agás unha pequena parte. A documentación das institucións relixiosas —temos dende o século X—, o Catastro de Ensenada, a colección dos protocolos notariais —un amplísimo e moi importante fondo con documentación dende o século XVI—, o arquivo do Concello de Ourense —coas actas dende finais do século XV ao XIX—, ou o fondo de Luis Soto —con presenza de persoeiros galegos moi importantes e da emigración en México— son parte da nosa documentación.
—Aparecen na relación arquivos familiares. As doazóns son testimoniais ou relevantes?
—Son moi importantes. Temos unha colección destacada e figuran cousas moi valiosas. Tamén mercamos para ampliar os nosos fondos. Unha valiosa peza mercada é o primeiro mapa da provincia de Ourense, o de Coello, que se pode ver na exposición sobre a documentación do Arquivo.
—Con que se vai atopar a persoa que visite a exposición?
—Escollimos unha serie de materiais que poden ser de interese para o visitante. Entre os nosos fondos temos o documento do barbeiro-sangrador de Allariz, a carta de Camilo José Cela a Vicente Risco para a tradución ao galego de La familia de Pascual Duarte e moitas outras pezas dun especial significado.
—No 2019 apareceron os documentos máis antigos de Bernardo de Brihuega, colaborador de Alfonso X o Sabio. Cre que haberá novos achádegos relevantes?
—Pode pasar. Aquí hai moita documentación; podes abrir un protocolo e atopar unha peza excepcional. Iso non sería estrano.
«Queremos ser unha referencia para a actividade cultural e colaborar coas institucións»
O Arquivo é unha institución de titularidade estatal e xestión autonómica. Da súa riqueza patrimonial dan conta pezas como un documento de Gregorio IX —a folla data de 1473 e é o impreso máis antigo de Galicia—, a coñecida como a Biblia Auriense —o primeiro libro que se imprimiu en Galicia— ou o pergameo onde estaba a historia do barbeiro-sangrador de Allariz —documento que fora empregado para a cuberta dun libro—, entre outros materiais. Cunha restauración exemplar e recoñecida no sector, obra do arquitecto Xosé Manuel Casabella, o Arquivo está chamado a ter un protagonismo máis alá da súa función: unha das exposicións fai un percorrido documental pola historia do edificio e amosa pezas recuperadas na restauración. Dende esta sala hai acceso ao claustro de San Francisco e o seu uso pode facerse de forma independente da actividade da institución.
—Cal é o día a día do servizo?
—Fóra do traballo interno, os usuarios preferentes son os investigadores e logo temos visitas de centros de ensino e organizamos diferentes actividades. Neste novo escenario queremos ser unha referencia para a actividade cultural e colaborar coas institucións e colectivos para que podan desenvolver iniciativas aquí.
—Teñen unha importante actividade nas redes sociais. Axuda a potenciar a demanda?
—Si. Son de grande utilidade porque xeran inquedanza por coñecer por parte dos usuarios e iso tradúcese en consultas. Tamén nos pasa coas visitas, que se están multiplicando e desbordando as nosas previsións. Estamos vivindo un efecto amable de bola de neve.
—Traballan nalgún proxecto?
—Neste 2022 cúmprense os 900 anos do documento do bispo Diego Velasco que lle deu a Ourense o recoñecemento institucional e imos facer unha exposición que se abrirá antes de que remate o ano.
A presenza do avó Ferro Couselo, a paixón poética e o debuxo
Recoñece Sánchez Ferro que traballa nun entorno privilexiado, nun BIC e con vistas á catedral, e que se ocupa no que lle gusta: a arquivística e a historiografía. Malia todo, a súa paixón é a poesía e defínese como «poeta, antes que arquiveiro». Ten desenvolvido unha ampla actividade investigadora e editorial. Con obras en historiografía, arquivística, ensaio e colaboracións en revistas sectoriais. É especialista no século XVI español e un traballo seu sobre Nebrija aparecerá en xullo na revista La aventura de la Historia. Confesa que gusta de maneira especial do ensaio. Tamén debuxa, compaxinando a faciana máis artística coa lúdica que desenvolve nas redes. Ri cando recoñece que ocupa o mesmo posto que tiña o seu avó de carambola: «Isto non é hereditario. Eu nacín en 1973 e meu avó morreu en 1975». O neto de Ferro Couselo é un funcionario de carreira que se presentou á oposición de técnico superior de arquivos. E dende febreiro do 2006 é o director do Arquivo que creou o seu avó.
—Como rematou en Ourense?
—Non pediu ninguén a praza e entón optei por solicitala. No 2003 incorporeime e, logo do pasamento da que era a directora, estiven de responsable da institución en comisión de servicio. E despois xa de director.
—Presentou hai días un libro de poesía e é autor de relatos.
—Teño novelas no forno, pero nunca me atrevín a sacalas. Algún día o considerarei. Iso é algo que lle pasa a todo o mundo.
—Que o decantou na escolla?
—A poesía é o máis excelso. Esixe e permite, a un tempo, unha maior liberdade creativa e alcanza os cumios máis altos, expresivamente falando. Gústame a linguaxe e ver como se pode crear realidade a través dela. A poesía permite a epifanía da realidade. A novela ou o teatro non tanto.
—Catro títulos e varios premios.
—Son propostas moi diferentes. Dende unha colección de poemas co que agasallei á miña muller no día da voda ao recente La sendas de las amantes inciertas, que é un percorrido polas diferentes idades amatorias. Pasando por unha proposta experiemental e outra que é un testamento vital.
Quen son:
«Alguén apaixonado pola historia, pero non como un exercicio de nostalxia senón como unha oportunidade de crecemento cara ao mañá. Máis amigo de substancias que de etiquetas e envoltorios. Defensor convencido do patrimonio cultural como valor democrático que a sociedade posúe. E, ante todo, buscador da poética da vida e da bondade das persoas»