Javier Rodríguez Rajo, decano da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense: «Ciencias ten que amosarlle a Ourense o que fai e a súa faceta internacional»
OURENSE CIUDAD
O responsable do centro lembra que a facultade «está entre as setenta mellores do mundo»
01 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que novo no cargo, a Francisco Javier Rodríguez Rajo (Barbadás, 1971) non o colle a responsabilidade de novas. Nos últimos anos ten desenvolvido proxectos en diferentes cargos dentro da Universidade de Vigo e mesmo optou a ser vicerreitor do Campus de Ourense no 2018. Malia que anda ás présas nestes primeiros días —para materializar o relevo en todo aquilo vencellado coa xestión burocrática e o novo escenario— Rodríguez Rajo mantén un discurso pausado, de respostas rápidas, concisas e esenciais. Na súa serenidade reafirma uns posicionamentos e un argumentario coñecidos e que son unha declaración de intencións na súa identificación coa universidade e coa cidade. Fía o futuro nun equipo do que salienta unha procedencia común: antigos alumnos que hoxendía loitan por conseguir o mellor para o lugar no que se formaron e iniciaron a súa vida profesional.
—Que se presentara a decano case semella o camiño natural.
—Xa apoiaba ao anterior equipo e dirixía o mestrado. Son consciente do reto pero vou ter apoio do anterior grupo decanal e dos compañeiros, moitos deles fixeron tamén aquí a carreira. Imos contar cun grupo de moito talento e moito talante.
—Tense referido a tres grandes eixes de traballo, incidindo de feito singular na investigación. Terá un protagonismo especial?
—Si. A Facultade de Ciencias desenvolve unha ampla actividade en investigación e tense distinguido moito neste aspecto. Figuramos entre as setenta mellores universidades do mundo —non hai ningunha outra titulación do Sistema Universitario Galego que estea tan alta— e Enxeñaría Agraria está entre as trescentas mellores do mundo. O que pasa é que non transcende, pero iso hai que corrixilo; Ciencias ten que amosarlle a Ourense o que fai e dar a coñecer a súa faceta internacional.
—As titulacións son outra fronte na que incidir?
—Temos que dotar de identidade ás tres titulacións e espallar a nosa oferta para que se coñeza e a xente se anime. E no caso de Enxeñaría Agraria en particular, con moito futuro na provincia de Ourense. O reto é darlle maior visibilidade aos nosos títulos e á saída que teñen. Nalgún caso todos os que saen da facultade xa o fan traballando.
—E no apartado do alumnado?
—Son os grandes prexudicados pola pandemia. Queremos que recuperen a súa vida universitaria e imos potenciar as actividades extraacadémicas.
—Planta piloto e invernadoiro serán claves no futuro?
—Si, porque nos permitirán potenciar a actividade e mesmo desenvolver aquí iniciativas que antes se materializaban con saídas a empresas. Topamos ubicación no edificio do Campus da Auga. No caso do viveiro xa conseguiramos o apoio de Madrid hai dous anos e estaba todo en caixas e pendente de montar. Serán recursos que potenciarán moito o noso traballo.
—Tamén o CACTI?
—Sen dúbida. A unidade de apoio á investigación estaba no Centro Tecnolóxico da Carne e agora vai baixar para aquí. Obviamente será todo máis rápido e non teremos que depender de subir á Tecnópole facer unhas probas e agardar polo resultado.
—Incide de xeito destacado na investigación. Canto destinan a este apartado?
—Temos varias liñas de traballo e, en conxunto, estamos nos dous millóns de euros. Nalgún proxecto europeo somos os coordinadores do mesmo e o importe global é de nove millóns de euros.
—Ten anos de traballo por diante. Que obxectivos lle gustaría ter cumpridos ao final desta etapa?
—Os meus retos pasan por potenciar as titulacións ao máximo, converter o Campus da Auga nun motor de investigación que siga atraendo a xente e que consolide a súa internacionalización e implicar ás entidades da provincia para potenciar o traballo conxunto para desenvolver iniciativas na mesma.
«O 65 % do alumnado é de fóra da provincia e están encantados co noso campus»
Fronte a visións máis ou menos catastrofistas en relación ao futuro do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo sempre se ten manifestado de xeito esperanzador e optimista. Hai anos, cando optaba a liderar a sección ourensá da Universidade de Vigo, apostaba por darlle máis pulo á mesma e traballar no atractivo das titulacións.
—Cunha provincia en retirada o futuro pasa por potenciar a nosa oferta?
—A sociedade ourensá está moi trabucada con respecto á súa universidade. O 65 % do alumnado é de fóra e están encantados no noso campus. En principio chegan con algo de desconfianza, pero logo ven os recursos e os servizos que temos á súa disposición —e o atractivo da cidade e da sociedade ourensá— e están encantados. O que temos que conseguir é que esa xente se quede para ser a vangarda de moitas cousas, a nivel nacional e europeo.
—Mantense esa realidade no caso do Campus da Auga?
—Aí é maior. O 80 % dos que veñen son de fóra da provincia. Temos que potenciar o programa de doutoramento do Campus da Auga porque iso nos vai facer chegar a moitos sitios e afondar na internacionalización. Debemos aproveitar ese selo para posicionarnos a nivel internacional. Ademais de en Portugal, que xa hai relación con varias universidades do norte, faise necesario darnos a coñecer nos países de Latinoamérica. Todos os anos temos varios alumnos que chegan dende alá.
—Foi director de Desenvolvemento e Infraestruturas. Que destacaría daquela etapa?
—Varias cousas, pero de ter que centrarme en algo a decisión é fácil: a posta en funcionamento do programa de doutoramento no Campos da Auga. Foi un esforzo grande pero conseguímolo á primeira.
Do fútbol no Bentraces de veteranos ás viaxes aprazadas pola guerra
O novo decano está vencellado á Universidade de Vigo dende a súa etapa de estudante. Comezou a carreira en Ourense e rematouna en Compostela, dándolle continuidade logo en Italia. Xa de volta en Galicia, ten sido vicedecano da facultade, director da Área de Desenvolvemento e Infraestruturas do Campus de Ourense e coordinador do programa de doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento —do Campus da Auga— e na actualidade é responsable do mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental. É Catedrático da Área de Botánica e director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo.
—Foi responsable da Estación Polínica de Vigo. Como é a situación en Ourense?
—Temos unha comisión de investigación sobre o pole e as alerxias e mantemos un convenio coa Xunta para facilitarlle a información que logo serve para as alertas e para pautar tratamentos. Co cambio climático en Ourense, como noutras cidades, cada vez os niveis de pole na atmosfera son máis grandes. Nós fomos pioneiros neste campo de investigación e descubrimos que non é o gran de pole o culpable, senón o nivel de proteínas que se xeran dentro del como medida de defensa cando as condicións son máis duras ou se estresan. Entre as medidas que propoñemos está cambiar as árbores por outras que produzan menos pole.
—Tamén traballan coas adegas.
—Unha das nosas liñas de investigación está relacionada cos fungos e os tratamentos fitosanitarios. O obxectivo é reducilos, conseguimos facelo nun 40 %, para xerar menos impacto e tamén para aforrar custes.
—Volve á actualidade o proxecto de soterrar Otero Pedrayo.
—Niso non temos nada que dicir, non é responsabilidade nosa, aínda que como cidadán creo que peatonalizar toda a zona permitiría potenciar este espazo no que están os dous recintos universitarios e onde vai estar a Xunta.
—O fútbol é a súa gran paixón?
—Unha delas. Levo toda a vida vencellado ao deporte e como futbolista pasei por todos os equipos do concello: Barbadás, Bentraces e o desaparecido Prado Alén. Agora son delegado e xogo nos veteranos do Bentraces.
—A ademais do deporte?
—Gústame moito viaxar. Estiven dous meses dando clase en Polonia, nun proxecto europeo, e quero coñecer os países do Leste. Aínda que tal e como están as cousas haberá que agardar.
Quen son:
«Unha persoa optimista á que lle gusta involucrarse e comprometerse en todo o que fai, intentando que todo o mundo se sinta partícipe dos pequenos pasos que hai que dar para ir logrando os obxectivos. Agradecido por todo o que a vida puxo no meu camiño, sobre todo das persoas que me acompañan nel e ás que sempre intento corresponder».