Xulio Prada, decano da Facultade de Historia: «Aínda está por investigar a realidade das guerrillas durante o franquismo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O historiador centrou o seu último traballo no saqueo durante a ditadura

25 abr 2022 . Actualizado a las 13:35 h.

Cando aínda non sabía que ía facer Historia a Julio Prada Rodríguez (Ourense, 1966) xa lle interesaba todo o relacionado coa guerra e a posterior represión franquista. E cando cursaba cuarto de carreira andaba por Seixalbo na procura de testemuñas. O neto daquel albanel condenado a quince anos de cadea que rematou no cárcere en que se converteu o mosteiro de Oseira —«e que supostamente morreu en accidente de traballo»— é na actualidade profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo e decano da Facultade de Historia do Campus de Ourense. Compaxina esa actividade coa de profesor titor na UNED na cidade. É autor de varios libros sobre a ditadura e a represión franquista e este venres impartía unha conferencia sobre o nome escollido para a biblioteca da Universidade Nacional de Educación a Distancia.

—Por que Xeración Perdida?

—É un concepto que popularizou Hemingway en Fiesta e refírese á etapa parisina e a esa denominación que facía referencia aos mozos da época posterior á Primeira Guerra Mundial. Hai moitos nomes de persoas que xustificarían unha escolla pero non queríamos pensar só na xente que morreu senón en dar visibilidade ao colectivo, á sociedade, a esa xente descoñecida que non puido desenvolver a súa vida conforme estaba sendo ou podería ser en base ás súas calidades ou formación porque foron vítimas da ditadura.

—O pasado ano publicaba «O saqueo dos vencidos». Foron moitos os casos na provincia?

—É un lugar común o das denuncias interesadas para quedarse con propiedades pero, aínda habendo casos, non deixan de ser situacións excepcionais. Non foi un traballo doado, porque é complicado documentar os feitos, pero o que máis se deu na provincia foi a imposición de multas e a apertura de incidencias, que houbo a esgalla. E tamén as subscricións populares, que en moito casos serviron para sacar un volumen importante de diñeiro á xente que se quería represaliar.

—A sanción era a ameaza?

—Non era só recadar. O que se buscaba era evitar que a xente se reorganizase e paralizala. Había unha parte económica pero a fundamental era a política. Ao meu avó condenárono a quince anos de cárcere e, por riba, a pagar 50 pesetas. Equivalía ao salario dunha semana, pero estamos falando duns tempos de miseria. E non era tanto a cantidade como que tiveses claro que o réxime estaba por riba de ti, vixiando.

—Logo de tanto tempo, e da desaparición dos afectados, aínda quedan fontes para seguir a traballar?

—O tempo xoga en contra no caso das fontes orais, pero as documentais están aí. As cousas foron mudando nos 80 e 90, e a principios dos 2000 xa se entrou noutro escenario coa apertura dos arquivos militares. O marco interpretativo mudou e xa se evolucionou ata o xenocidio franquista, concepto que é máis recoñecible e que axuda a explicar mellor a realidade ás novas xeracións, xa que estamos a falar agora mesmo de rapaces que poden ser a terceira ou cuarta xeración en relación ao acontecido.

—Cantas vítimas deixou e a represión na provincia?

—O balance está próximo ás 700 vidas. Entre 646 e 700 persoas; 176 delas fusiladas, é dicir, asasinadas sen ningún tipo de xuízo.

—Quedan temas por investigar?

—Sempre hai proxectos por desenvolver. Os anos 40 e 50, e todo o relacionado coa situación dos que loitaron contra o réxime, é un aspecto a estudar en profundidade. Lévanse feito cousas pero aínda está por coñecer a realidade das guerrillas durante o franquismo. Nese terreo creo que hai campo para investigar.

—Traballa nalgún proxecto?

—O vindeiro ano publicarei El combate por la memoria e, si ou si, quero facer algo sobre o tema da Falanxe en Galicia. Non eran catro gatos, como se soe dicir. E no futuro farei algo sobre a Transición, porque xa está desaparecendo moita xente da época.

 

«Os lugares da memoria deben manterse para servir de reflexión de cara ao futuro»

O profesor ten participado en iniciativas como as que promove o colectivo Amigos da República ou as referidas á memoria histórica. Neste apartado ten defendido a necesidade de mudar aspectos da lei existente e cre que a futura da Memoria Democrática mellorará moito o marco actual.

—É optimista de cara ao futuro?

—A revisión era necesaria, aínda que non é tanto o que falta ou o que sobra senón o uso que se faga dela. E tamén como se regulan algúns apartados.

—Por exemplo?

—Valóranse aspectos como a nulidade das sentenzas. E aí hai que apuntar o que iso pode traer consigo no futuro. Só por poñer un exemplo: ao meu avó caéronlle 15 anos de cadea e impuxéronlle unha multa de 50 pesetas. Ao que hai que sumar os cartos gastados no proceso. Se iso se anula e se trae a reclamación aos tempos e valores actuais, multiplicado por todos os casos que se deron no Estado, estaríamos falando dun grave problema.

—Que aspectos positivos terá?

—Moitos. Que se recolla a violencia específica contra as mulleres ou se cualifique co tratamento de xenocidio esa etapa son avances importantes. E moitos outros. O que non debe ser é unha arma política contra ninguén.

—Defende manter os símbolos franquistas nalgún caso.

—Nas rúas e nos espazos públicos non. Non se trata de cambiar un nome por outro, é mellor ir a denominacións ou conceptos de consenso, como o caso de Concordia —antiga Capitán Eloy—. Tamén hai espazos que xa foron resignificados pola xente e non pasou nada. Os lugares da memoria deben manterse para servir de reflexión de cara ao futuro e de coñecemento para os novos. Claro que a Igrexa quere que se retire a cruz do Monte da Obra, porque así desaparece un elemento que lembra a complicidade que tiveron co franquismo.

Un decano provisional que desta volta aspirará a seguir no cargo

A formación e a traxectoria profesional de Julio Prada está fondamente vencellada a Ourense. Na cidade fixo os primeiros anos de carreira que —como acontecía daquela ao ter só o colexio universitario o primeiro ciclo— rematou na USC. E de Compostela ao mundo do ensino. Con 22 anos comezou a facer prácticas no Otero Pedrayo, unha situación que lembra como atípica: «Había algo desconcertante, e tamén de mala leche, porque de repente estaba de compañeiro dos que me poñían as notas catro ou cinco anos antes. Nalgúns casos era incómodo». No Instituto nº 1 do Carballiño botou catorce anos e logo estivo no Blanco Amor de Ourense. Foi compatibilizando como profesor asociado, e desde o 2009 exerce como docente universitario a tempo completo. En febreiro accedeu á condición de decano de Historia de xeito provisional, ao rematar o mandato da súa antecesora e non haber candidatura algunha. Confirma que se vai presentar para seguir no cargo. O proceso para elixir ao novo decano xa está en marcha.

 

—As humanidades seguen tendo que reivindicarse?

—Estase tratando de impoñer unha mensaxe de excesiva tecnificación e de cuestionar as humanidades. Nós facemos campañas de captación para que se coñezan as moitas oportunidades laborais que ten a carreira. E máis nunha provincia como esta, cunha oferta de patrimonio tan importante. Non nos podemos queixar: nos últimos tres anos cubrimos o máximo de prazas, e mesmo quedou xente fóra. E, entre outras cousas, temos un grao de Historia e Turismo excelente.

—A realidade da provincia inflúe na demanda do campus?

—Ourense ten un avellentamento que, obviamente, vai mermando a demanda conforme pasan os anos. O cal é lóxico. E logo está o condicionamento xeográfico: estudar lonxe dos pais sempre é un argumento.

—Mudaría moito a realidade docente nestes anos.

—Mellorouse en moitos aspectos, aínda que hai unha tendencia que non é boa e que fai que se estea perdendo o concepto tradicional da educación. Agora é como un comercio: o cliente esíxelle ao vendedor (o profesor) que lle dea resposta rápida ao que quere ter. É a miña percepción.

Quen son:

«Diría que son unha persoa traballadora que se sente máis cómoda coas infinitas tonalidades do gris ca cun mundo visto en branco ou negro. Máis de cousas pequenas ca de metas inalcanzables. E, sobre todo, agradecido por todo o que a vida me deu e o pouco que me quitou»