Presentan a primeira tradución ao galego de «Sobre a revolución dos orbes celestes», de Copérnico

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Miguel Villar

O acto desenvolveuse no IES Otero Pedrayo de Ourense, centro que alberga unha edición do orixinal datada no século XVI

11 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que non existise unha edición en galego dun dos autores que máis influíu na evolución da ciencia, Copérnico, era unha eiva que non tiña xustificación para José Nicanor Alonso Álvarez e Miguel Ángel Mirás Calvo, profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo. A intención era boa e o compromiso tíñano, mais faltaba un pé para levar a bo porto o proxecto, e o apoio que necesitaban atopárono en Raúl Gómez Pato, poeta e profesor de ensino secundario.

Froito do traballo dos tres é a edición por parte do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo da obra O libro que ninguén puido ler, primeira tradución ao galego da obra de Nicolás Copérnico Sobre a revolución dos orbes celestes. A publicación, que data de 1543, xerou a gran catarse do século XVI ao defender a teoría do modelo heliocéntrico do universo, coa terra xirando arredor do sol, fronte á crenza imperante da época que sinalaba que o sol se movía arredor da terra. O texto non tardou en ser prohibido pola Igrexa católica e as represalias e os castigos foron padecidos polos científicos que tomaron o relevo —xa con Copérnico morto— na defensa do modelo: Giordano Bruno morreu na fogueira e Galileo viuse obrigado a abxurar da súa crenza para salvar a vida.

Segunda edición e anotacións

Precisamente

O libro que ninguén puido ler

inclúe, polo seu interese, a tradución ao galego da sentenza que condenou a Galileo en 1633 e a abxuración que se viu obrigado a pronunciar para salvar a vida, «documentos de grande interese histórico», segundo lembraron os autores. A tradución ao galego fíxose directamente dende a versión orixinal en latín e o traballo correu a cargo de Raúl Gómez Pato.

 

O volume foi presentado polos tres profesores que promoveron o proxecto, o director do IES Otero Pedrayo de Ourense —Daniel Lorenzo Valdivieso— e Beatriz Seco González —directora do Museo Pedagóxico de Galicia— no paraninfo do instituto. A elección do escenario non foi casual, xa que na biblioteca do centro foi atopado en xaneiro de 1999 un exemplar da segunda edición do De Revolutionibus Orbium Celestium. Datado en 1566 e con anotacións, o investigador Justo Carnicero —autor do achado— incidiu daquela no valor da peza por ser exactamente igual á primeira, por ser empregadas as mesmas pranchas.

«O exemplar está depositado neste momento no Mupega para a súa catalogación, restauración e para traballar no proceso de saber cal é a súa orixe e como puido chegar ata aquí», segundo sinalou Daniel Lorenzo. Para o director do Otero Pedrayo outra das singularidades que lle aportan valor ao exemplar ourensán «é que contén anotacións orixinais contemporáneas, e no século XVI poucos matemáticos había que puideran facer tal cousa».

A sorte salvouno do lume

O exemplar do Otero Pedrayo salvouse do incendio de 1927 que rematou coa biblioteca do instituto por unha casualidade: un profesor de Física sacárao para consultalo. Sobre a súa procedencia, nada se sabe. «Aínda que podía vir de Oseira ou doutro mosteiro, xa que chegou á biblioteca en 1845», subliña o director.