Confesa Bartolomé Pidal que o circo era a paixón dos rapaces, tamén a del. Quixo ser ilusionista e xa tiña o número preparado cando os de Ourense ían viaxar para actuar no Madison Square Garden, de Nova York... «pero Amelia dixo que non, e aí rematou a miña carreira de ilusionista». Recoñece o exalcalde as contradicións e como a proposta foi entrando en decadencia a finais dos 80 ou xa nos 90. Con todo, o presidente da Asociación Cultural Padre Silva, lembra que «Benposta foi un proxecto modélico e pioneiro no seu tempo que merece ser reivindicado. Temos esperanza e confiamos en que cando a sensatez se instale en Ourense se poida recuperar».
De xerente da discoteca Volvoreta a ser pioneiro na xestión de recursos humanos
De Benposta pasou ao Colexio Universitario de Ourense para estudar Psicoloxía, que rematou en Compostela. A súa primeira experiencia empresarial foi de xerente dun establecemento de ocio: «Aluguei un local onde está o Mesón do Labrego, en A Merca, e montei a discoteca Volvoreta. Estudaba, traballaba e facía de empresario nas fins de semana». Pidal desenvolveu unha exitosa carreira profesional na que Nortempo é gran referencia: pechou 2021 cunha facturación de 171 millóns de euros e con 500 traballadores, tendo medio cento de delegacións na península e en Colombia. No sector inmobiliario tamén ten desenvolvido proxectos: vive na restaurada casa que foi do prestixioso arquitecto Jenaro de la Fuente en Vigo e recuperou, na mesma cidade, o emblemático Edificio Baladrón da rúa Vázquez Moreno cunha sociedade cuxo nome «lembra ás dúas persoas máis importantes da miña vida: a miña nai Amelia e o meu fillo Ángel». En Vilavella tamén promoveu, aínda que xa non está no mesmo, o proxecto gandeiro Agro Frieiras.