¿As nenas non queren ser enxeñeiras nin científicas?

La Voz FIRMA INVITADA

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

14 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece raro, xa ben entrados no século XXI, seguir falando de igualdade entre xéneros, da escasa presenza feminina nalgúns ámbitos e, en particular, nos que se adoita denominar CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas, STEM en inglés). Sen embargo os feitos son contumaces. Poñamos por exemplo os estudos de Informática no campus de Ourense, a presenza feminina no alumnado entrante só representa o 14% do global; trátase dunha profesión que non require esforzo físico, cunha taxa de desemprego case nula e unha proxección futura inigualable. Se as rapazas non entran neste campo, elas estarán perdendo a oportunidade dunha carreira de éxito pero nós, como sociedade, perdemos moito máis; faltaranos a súa creatividade e inventiva, non coñeceremos o seu enfoque para aportar solucións tecnolóxicas, interpretaremos os problemas de forma parcial... En resumo, faltaranos a mirada da metade da humanidade. Esta situación reprodúcese en maior ou menor medida noutros campos como as enxeñerías, a física ou as matemáticas.

Poderíase argumentar que se as nenas non escollen estes estudos será porque non lles interesan ou porque consideran que non teñen as aptitudes necesarias. Pero ¿pódese interesar unha persoa por aquilo que non coñece? Cales son as aptitudes que as nenas cren que non teñen? Hai moitos estudios que conclúen que as nenas se consideran menos competentes en ciencias ca os rapaces pese a ter mellores resultados académicos. Así que, quizais esta falta de capacidades non é real, senón subxectiva, produto dunha maior auto esixencia das rapazas e das familias. En xeral, as carreiras de ciencias ou de enxeñería teñen unha menor taxa de éxito, polo que as mulleres, que son educadas na prudencia, tenden a afastarse delas. Sen embargo, hai referentes históricos de mulleres que se arriscaron polo avance da ciencia e o beneficio que proporcionou á humanidade. Pensemos na valentía de Isabel Zendal que se embarcou na Expedición Balmis, partindo en 1803 de A Coruña para dar a volta ao mundo e levar a vacina da varíola a América e Filipinas. Isabel era a encargada de coidar dos nenos infectados intencionadamente para manter a vacina viable, conseguindo que todos sobreviviran. Como resultado, evitáronse centos de miles de mortes.

Unha lenda popular é que as nenas son menos creativas e teñen menos interese por inventar. Nada mais lonxe da realidade. Tal é o exemplo da galega Ángela Ruiz Robles (1895-1975), mestra, escritora e inventora que ideou a Enciclopedia mecánica, un invento precursor dos libros electrónicos actuais. Outros moitos obxectos da vida cotiá, como o limpaparabrisas, o lavalouza ou o espello retrovisor foron inventados por mulleres. Tamén se di a miúdo que as carreiras científicas son moi abstractas e difíciles de comprender e que ás mulleres non se nos dan ben. A historia contradí esta afirmación. A mediados do século XIX, Ada Lovelace converteuse na primeira programadora da historia (si, leron ben, programadora, aínda que agora non teñamos nenas que queiran ser informáticas). O interese que lle suscitou a maquina de Babbage, un predecesor dos actuais computadores, fixo que decidira traballar na súa codificación.

É moi significativo o caso da estadounidense afroamericana Christine Darden, nada en 1942 en plena época da segregación racial. Tras licenciarse en Matemáticas, ingresou na NACA (predecesora da NASA) na área de cálculo e xunto con outras mulleres, como Katherine Johnson, faría os cálculos matemáticos para as misións Apolo. A súa paixón polas matemáticas e o espazo foi tal que en 1973 converteuse nunha das primeiras mulleres en ocupar o posto de enxeñeira aeroespacial. As súas aportacións no campo da redución da explosión sónica foron unha revolución do deseño aerodinámico e chegou a xefa técnica do grupo da NASA responsable deste programa.

Cincuenta anos despois, a galega Begoña Vila, licenciada en Física e enxeñeira de sistemas da NASA, converteuse nunha das persoas clave do equipo que construíu o maior telescopio da historia da humanidade: o James Webb (que permitirá coñecer mellor os procesos de formación de estrelas e planetas). Ela é a encargada de controlar que dito telescopio espacial teña a máxima precisión na toma de imaxes unha vez posto en órbita.

A pesar do exemplo destas e moitas outras mulleres, na sociedade actual persiste un nesgo de xénero. Así, hai estudos que indican que non é raro que nas familias non se incentive ás nenas a elixir estudos tecnolóxicos ou de enxeñería. Moitas teremos escoitado: «para que te vas complicar», «iso e moi difícil», «coas túas notas, mellor estuda Medicina». Por outra parte, tense demostrado que no entorno educativo se lles presta mais atención cando falan aos nenos que ás nenas, que se dan mais parabéns polo traballo feito aos nenos que ás nenas, etcétera. Todo isto, unido a que as mulleres tendemos a ter moi en conta as expectativas familiares e queremos encaixar co que se espera de nós, fai que nos conformemos co papel que se nos asigna. Non é doado atopar casos coma o de Esther Lederberg (1920-2006) que, pese a ter nacido nun barrio pobre de Nova York, e en contra do criterio da súa familia e profesorado, graduouse en Bioquímica e foi o que os seus coetáneos consideraron «unha xenio no laboratorio», realizando importantes descubrimentos de xenética de microorganismos. Anos despois, recordaría que ao principio da súa carreira investigadora tiña tan pouco diñeiro que comía as ancas das ras que usaban nas prácticas de disección. Somos moitas as mulleres científicas e enxeñeiras que consideramos que é a nosa responsabilidade animar ás mulleres do futuro a estar presentes en todos os campos do saber. Por iso, impulsamos a feira eXXperimenta en feminino, onde as investigadoras e estudantes do campus dan a coñecer os seus traballos nas disciplinas CTEM; para que as nenas de hoxe poidan ser as investigadoras do mañá, para que coñezan en que consisten estas profesións, para que vexan que teñen todas as aptitudes necesarias, para que no futuro poidan desfrutar, como o fan as científicas e investigadoras que participan na feira, co seu traballo cada día. En resumo, para que valoren, con pleno coñecemento, a que desexan dedicarse no futuro, xa que ninguén pode querer ser o que non coñece. As mulleres citadas son só un pequeno exemplo de que non existen ámbitos que se poidan considerar masculinos ou femininos. Todos nós, nais, pais, educadores e educadoras, temos a responsabilidade de que as nosas rapazas coñezan todas as súas aptitudes e sintan como propia a frase de Frances Northcutt, outra enxeñeira informática da NASA: «Eu sei tanto coma eles. E se hai algo que non sei, son tan lista coma eles e podo aprendelo».

Julia Carballo, Alma Gómez e Nieves Lorenzo son, respectivamente, doutoras en Física, Microbioloxía e Enxeñería Informática e profesoras do campus de Ourense.