O regreso dos Reis Magos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OURENSE CIUDAD

Álex Cámara

09 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na data de hoxe, pasado o rebumbio dos regalos, os rapaces case sempre preguntabamos o mesmo: por onde volven os Reis Magos? Da chegada sabiamos bastante, porque nolo contaban os pais e os curas na cataquese, pero da volta ás terras de Oriente, logo da viaxe a Belén e, sobre todo, logo da fantástica visita nocturna ás nosas casas, ninguén daba información. Algúns aínda ían máis alá: por onde andarán agora os Reis? Por Ourense, por Lisboa, pola Ponferrada? Nada. E quen se ocupará deles? Andando o tempo, a curiosidade levoume a explorar estes vieiros, aínda máis cando souben que os seus restos están gardados nada menos que na catedral de Colonia, en Alemania, onde os levou no século XII o emperador Federico Barbarroxa. Alí están os tres xuntos, nunha catedral que tardou 600 anos en construírse e que durante un tempo, pola custodia das tales reliquias, competiu en Occidente con Roma e Compostela.

Xoán de Hildecheim, frade carmelita que viviu a mediados do século XIV, escribiu un Libro dos Reis Magos que tivo moito éxito da súa época, e sobre o que se elaboraron moitas das noticias que chegaron a nós: a morte dos tres sabios na cidade de Seuva, por exemplo, en Oriente, outros din que en Asia Menor ou Grecia, convertidos ao cristianismo por Santo Tomás, e mais coa idade clásica dos grandes petrucios do discurso antigo: Gaspar con 130 anos, Baltasar con 110 e Melchor, o máis novo, con 94. Hai dúas versións da morte: o martirio, no ano 70 despois de Cristo, ou a morte doce, durmindo e sen sufrimento ningún. O caso foi que Santa Helena, a nai do emperador Constantino (o que asinou o edito de Milán no ano 313, que legalizou o culto cristián no Imperio), localizou as reliquias (supoñemos que en Xerusalén), xunto coa verdadeira cruz do martirio de Cristo (andan as estelas por medio mundo) e mais con outros achados de devoción levounas para Constantinopla, e de alí pasaron a Milán ata que o devandito Barbarroxa arramplou con elas para Colonia. O trasego de restos santos era un dos grandes negocios da época, e Santa Helena, dende entón, é a padroeira dos arqueólogos.

Debo dicir que destas cousas ninguén nos falaba cando eramos rapaces. Os Magos de Oriente volvían milagreiramente aos seus territorios de orixe, uns din que a Persia, outros que a Etiopía (nas terras do Preste Xoán), outros mesmo que aos antigos pagos de Hispania, en Tartesos, e aquí quedaba a auga para os camelos, restos de roscón, unha fiestra a medio pechar por onde disque entraran, e algunhas frustracións que gardabamos para o ano seguinte: a bicicleta, o forte con indios e vaqueiros, o mecano xigante, que sempre pediamos, logo de axexar durante días co nariz pegado ao escaparate da ferretería de Varela, pero que nunca nos deixaron, polo menos a min.