Pranto por José Antonio Viñas

Xosé Lois Foxo

OURENSE CIUDAD

José Antonio Viñas, en el Xardín do Posío, en el verano del 2018
José Antonio Viñas, en el Xardín do Posío, en el verano del 2018 Santi M. Amil

02 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se estiveras aquí meu irmán non morrería» palabras de Marta a Xesús, tomadas do Evanxeo de Xoan. Estas palabras tomaron vida na data do 30-12-2021, cando servidor escribe. Palabras pronunciadas por Jeray Fariñas na súa homilía, a xeito de elexía, durante o funeral de despedida a José Antonio Viñas. O Señor non estaba aí. Non estaba, porque foi unha despedida improcedente. José Antonio non tiña presa de marcharse. Mantivo ilusión ata o último segundo da súa vida. A súa vida foi o paradigma da persoa inqueda que traballa arreo por unha causa tan nobre como é a dignificación dos nosos cantos e bailes. Hoxe quero tributar este homenaxe en forma de pranto por alguén que tanto cría na vida. Na Igrexa da Nosa Señora da Asunción de Ourense escoitáronse os lamentos ao son do Pranto por José Antonio Viñas, interpretado por Marco, homenaxe que servidor quixo ofrecer ao amigo. Alí estaba a súa mamá, María Rita. Pobre mamá! Xa non hai palabras para describir tanto dolor. A súa mamá formaba parte esencial da vida de José Antonio, e José Antonio era a vida da súa mamá. Traballaban noite e día nun equipo indisoluble. O seu cadaleito camiñaba ao máis alá engalanado coa bandeira de Queixumes do Pinos. Alí estaba a inmensa familia de Queixumes dos Pinos e os seus amigos máis nobres, enorme lista moi longo de enumerar.

Recordo con emoción a miña viaxe a Kosovo en agosto do 2017, co fin de recoller a distinción Gold Star da Unión Mundial de Folclore, institución da que José Antonio Viñas era parte fundamental. Alí estaba José Antonio ca súa mamá gobernando a Agrupación Queixumes do Pinos. Daban unha imaxe excelente de Galicia e da súa tradición folclórica. Era todo un luxo para Galicia.

Querido José Antonio, ti non tiñas presa de marchar. Esquecícheste que tiñamos previsto a actuación das túas cantareiras no Concerto de Aninovo da Real Banda, o homenaxe á muller galega na rúa do Paseo de Ourense. Xa sabemos que foi un imprevisto. Pero aí estarás na nosa memoria. Aí soará novamente o teu Pranto. Nos nosos corazóns sempre estarás. Dende aí sigue loitando pola dignificación da nosa cultura. Sempre estarás con nós. Grazas José Antonio polo teu WhatsApp de felicitación do 24 de Nadal cando xa estabas ben maliño e non se entendía o que querías transmitir. Sempre cho agradecerei. Sempre estarás con nós nobre amigo.