—Volveremos ao de antes?
—O consumo do audiovisual vai por outro lado. Estamos todos máis metidos na casa e iso dá mágoa. A min onde me gusta que se comparta o cine é nas salas pero o mundo hai tempo que está xirando cara a outro lado e a casa creo que xa é o lugar fundamental de consumo cultural na actualidade.
—Traballa nalgún proxecto neste momento?
—Agora mesmo non. Estoulle dando voltas a outra novela, ando coa promoción desta e agardo que se poda materializar o proxecto de editar O cervo e a sombra en castelán. E nesas ando.
—A tradución será súa?
—Si. Teño xa feito o traballo. O que pasa é que os tempos das editoriais son os que son e algunhas das miñas novelas saíron ao mesmo tempo en galego e castelán e noutros casos houbo que agardar. Hai que ter paciencia.
O xornalista que mudou en autor premiado e recoñecido guionista
Suízo de nacemento e ourensán de crianza, o universo literario de Diego Ameixeiras volve con asiduidade a esa cidade que el refundou como Oregón. Tamén, como todo bo escritor do xénero que se gabe, é o creador dun singular detective, que non é outro que Horacio Dopico. A traxectoria creativa de Ameixeiras vai da man dunha chea de premios. Entre outros o Xerais, o especial do director da Semana Negra de Xixón, Irmandade do Libro ou o Antón Losada Diéguez.
—Mantén unha boa relación cos premios.
—Sempre axudan. Ás veces economicamente, non hai que negalo, e ás veces como un recoñecemento. A todos nos gusta que nos digan que facemos as cousas ben. Cando me deron o Xerais, que alá vai porque era o 2006, para min foi moi importante porque decateime que a cousa podía ir en serio. Tampouco hai que obsesionarse por unha carreira literaria vencellada aos premios. Cando veñen eu celébroos moito e alégrome tamén cando llos dan a xente que creo que os merece e lle van axudar no seu traballo.
—Que o levou a pasar do xornalismo ao audiovisual?
—Foron circunstancias laborais. Nun momento determinado o que se me puxo diante foi o guión audiovisual e empecei a tirar por aí. Tampouco deixei o xornalismo como tal. Manteño unha colaboración semanal e iso fai que siga unido á profesión, aínda que non é o mesmo que cando era o meu traballo principal no día a día. O audiovisual me sigue parecendo un lugar confortable dende o punto de vista vocacional: tes a posibilidade de inventar historias, de escribir con liberdade.
—Fixo algunha incursión escénica. Volverá ou quedou en algo puntual?
—O teatro foi un encargo que tiven nun momento determinado e unha experiencia interesante. Ademais de traballar con Jorge Coira, que é un director ao que admiro moito. Pero non son escritor de teatro.