Xián Martínez: «Esta montaxe é a derradeira entrega dunha triloxía en clave feminista»

x. m. r.

OURENSE CIUDAD

BLANCA RAZQUIN

«Pioneiras», o último espectáculo do bailarín e coreógrafo vigués, chega este venres ao Principal

24 nov 2021 . Actualizado a las 17:04 h.

A Ourense chegará este venres, día 26, o último proxecto creado polo bailarín e coreógrafo Xián Martínez (Vigo, 1996). Pioneiras, que así se titula a proposta, porase en escena ás 20.00 horas (o prezo da entrada é de 9 euros). A montaxe é unha obra de temática feminista que foi desenvolvida dentro do marco de residencias de creación do DNA’20, o Festival de Danza de Navarra. Creada en colaboración con Sayoa Belarra, Martínez é o responsable da dirección artística e coreografía e Belarra estivo a cargo da dirección xeral do proxecto. Pioneiras conta como intérpretes con María José Casado, Paula Urquijo, Ana F. Melero, Kateryna Humenyuk y Sayoa Belarra.

—Como chega a esta nova montaxe?

—No 2017 fixen o espectáculo Raíñas, que xa tiña unha clara temática feminista. Logo desenvolvín a proposta Inmarcesible, que era un solo de danza de once minutos creado para unha bailarina. E no 2020, na residencia en Navarra e tendo como referencia Raíñas foi cando Sayoa Belarra me propuxo facer esta montaxe, que é a derradeira parte dunha triloxía.

—Con que se vai atopar o público que acuda ao Principal?

—É un espectáculo dividido en tres escenas. A primeira, «Tacón», céntrase en aspectos como a cuosificación das mulleres, a modelaxe, a muller obxecto ou a sexualidade e a sensualidade tópica das estrelas do pop e demais. A segunda está dividida en dúas partes e na primeira, titulada «Espello», faise unha crítica á ditadura das influencers e imposición de modelos interesados, mercantilistas e comercializados de muller, tamén se incide en tópicos como a virxinidade e outros aspectos. En «Soga» incídese na represión social que padecen as mulleres e como deben loitar para liberarse. A terceira parte, «Pétalo», é a celebración da liberación feminista.

—Pecha o ciclo coa proposta?

—Si. Está montaxe é a derradeira entrega dunha triloxía en clave feminista e logo xa pasarei a outras propostas.

—En que proxectos traballa?

—Despois desta xira o proxecto a desenvolver é ¿Nun Zira?, que quere dicir «Onde estás?» en vasco e que é un dúo inspirado nunha parella durante a guerra civil, e logo marcharei a Montreal para poñer en marcha a proposta Yellos Lemon. Trátase dunha montaxe que será unha crítica da situación no primeiro e no terceiro mundo e que terá como escenario as praias onde eses dous mundos se atopan e converxen.