Advirten de que faltan recursos públicos eficaces contra a violencia machista

M. rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Cooperativa social Xeracción, de Ourense.
Cooperativa social Xeracción, de Ourense. Santi M. Amil

A cooperativa Xeracción, de Ourense, recebe o recoñecemento Meninas

21 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero, a cooperativa ourensá Xeracción, unha entidade sen ánimo de lucro, vén de recibir un dos Recoñecementos Meninas que concede a Delegación do Goberno en Galicia e que se entregarán nun acto a celebrar na semana do 25N. O fallo do xurado desta cuarta edición dos Meninas recoñece o labor desta cooperativa de traballo asociado, sen ánimo de lucro, que se dedica á intervención sociocomunitaria, por prestar os seus servizos baixo os principios de xustiza social, igualdade e responsabilidade colectiva, coa participación cidadá, o feminismo e a mediación como fundamentos.

No mes de maio, Xeracción Sociedade Cooperativa Galega cumprirá cinco anos e Antía Pousa Pérez confirma que o que vertebra case todos os proxectos da entidade é o «acompañamento a mulleres e crianzas que sufriron violencia de xénero». Un acompañamento que entenden como algo integral. «Cando chega unha muller derivada, ben desde algún Concello, ben desde a policía ou ben porque ela buscou estes servizos, temos un primeiro contacto con ela para ver o que nós podemos aportar: axuda psicolóxica, na tramitación de recursos, acompañamentos ao xulgado ou a falar cos avogados ou tamén ao punto de encontro onde ten que entregar as crianzas», enumera Antía.

Tamén acoden con ela, se o necesita, a presentar unha denuncia na policía e no traballo de reconstrución do vínculo familiar ou da rede de apoio. Este acompañamento, precisa, pode ser individual ou en actividades colectivas. Antía Pousa destaca precisamente a potencia que teñen os grupos de mulleres, tanto pola súa función social coma terapéutica. «Aquí dentro ninguén as xulga. Fóra non se entende por qué unha muller vítima tarda en separarse ou por qué retiran as denuncias contra o agresor», esgrime Antía.

Entidades como Xeracción cobren un baleiro que deixa a administración. «Os recursos públicos son insuficientes e non son eficaces. Se unha muller necesita atención, non pode esperar un mes nunha lista de agarda», indica Antía. Na cooperativa social atenden casos de mulleres que dan o paso tempo despois —unha semana, un mes— dun primeiro contacto. Cando están preparadas para facelo e saír da situación de violencia que sofren. «Iso sucede cando sucede. Non en horario de oito a tres, de luns a venres», exemplifica Antía sobre as limitacións da Administración. A traballadora social de Xeracción puntualiza que están en contacto coas policías, os CIM ou servizos sociais dos Concellos onde, enfatiza, «teñen marabillosos profesionais».

Un dos maiores problemas que se atopan as mulleres vítimas de violencia machista é o da revictimización no ámbito xudicial. «Temos mulleres ás que acompañamos un, dous, tres anos porque o xuízo aínda non tivo lugar e porque hai sentenzas que obrigan as nais a deixaren as crianzas co seu agresor. É imposible cerrar páxina e construír unha vida», engade Pousa.

Aínda que as autoridades insisten en que hai que denunciar, esta experta advirte de que as mulleres séntense moi soas logo de daren o paso. «O aparato institucional ponlle moitas trabas para reconstruír a súa vida. O primeiro paso, a presentación da denuncia, é durísimo e marca a diferenza. Supón asumir que estás nunha situación de maltrato que moitas veces xa tiñas interiorizado e aguantabas polas crianzas. Outras veces son os nenos o motor para abandonar esa situación e romper con esa dependencia emocional», explican desde Xeracción.

Con todo, logo dese primeiro paso tan difícil, o camiño non se volve doado. «Atopamos que o sistema xudicial está sendo terrible coas vítimas de violencia de xénero. Moitas mulleres plantéxanse non denunciar. As sentenzas que non protexen as nais nin as crianzas teñen un efecto disuasorio. Din ‘se chego a saber o que se viña enriba non denunciaba’. Cando a denuncia tería que ser a porta de liberación. Para as nais con fillos é desgarrador, senten que non os poden protexer», lamenta Pousa.

«Somos incómodos e non vamos a deixar de protestar e de denunciar»

Antía Pousa indica que moitos axentes que teñen relación con mulleres vítimas están formados e coñecen como funcionan as cousas nestas dinámicas de machismo violento. Grupos policiais específicos como a UFAM ou de Muller e Menor da Garda Civil —que tamén recibiu unha mención honorífica neste Meninas— saben como actuar nestes casos.

Sen embargo, segue a ver esa eiva no eido xudicial e noutros axentes policiais. «O policía que vai ao domicilio e levanta o atestado ten que estar formado. Tamén o persoal do Sergas e administrativo. Eu fago acompañamentos aos xulgados e vin sentenzas arrepiantes. Ou autos que recollen o afastamento do agresor e, no parágrafo seguinte, o horario de visitas os fillos. Un home que esnaquiza a muller diante das crianzas non pode ser un bo pai». Hai moitas cousas a mellorar, pero Pousa indica algúns avances que xa houbo en Galicia, como o salario da liberdade ou o bono alugueiro, e que non sexa requisito obrigatorio a presentación dunha denuncia para acceder a estes recursos, senón un informe dunha traballadora social do CIM.

Sobre o Meninas, Antía Pousa avalía que este recoñecemento institucional é positivo pero que Xeracción vai a seguir sendo unha entidade «politicamente incorrecta, que dá caña. Somos incómodos e non ben acollidas en moitos lugares. E non vamos deixar de protestar e de denunciar». Por iso, Antía Pousa reclama maior implicación social, para deixar de poñer só o foco en que a muller ten que denunciar e para rexeitar socialmente o agresor.

No eido educativo e transversal, a cooperativa Xeracción tamén desenvolve outras iniciativas, como obradoiros en escolas, educación nos fogares, mediación en conflitos co fin de previr a violencia machista.