Neves Seara: «Atrapar nubes é unha costume que se converteu en poesía»

OURENSE CIUDAD

XOÁN A. SOLER

A artista presenta no Liceo de Ourense unha exposición fotográfica

16 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hoxe e ata o 15 de decembro, o ceo colarase dentro das paredes do Liceo de Ourense. Será grazas a unha exposición de Neves Seara (1983, Ourense). Trátase de «Recolectora de nubes», unha colección de vinte fotografías de ceos e de nubes que a artista ourensá ten sacado nos últimos trece anos en cada viaxe, saída ou excursión. Nela intenta retratar a poesía que hai en cada momento do día. Faino retratando os instantes polos que pasan as nubes.

—Por que escolleu as nubes?

—Levo dende o 2008 atrapándoas. Penso que é unha inquedanza que se converteu nun acto poético. Decateime de que había unha obsesión en min por elas. Vén de cando eu era unha cativa e a miña avoa Rosario me ensinaba os nomes que teñen as nubes. Tamén de moitas conversas reflexionando co meu pai. Hai moita sensibilidade nestes elementos. Nesta mostra hai ceos retratados dende Tailandia, Portugal, distintos puntos rurais de Galicia... Cada vez que vexo unha desas fotos podo recordar o momento exacto, que sentía, como estaba, como ulía...

—E de feito vostede ten unhas nubes favoritas, ¿non si?

—A verdade é que si. Gústanme máis as que son como algodonosas, as que preceden a choiva, que xeran contrastes de cores no ceo. Gústame velas agora tamén a través das fotos. Intentei atrapar estes instantes que xa non se van volver a repetir. Iso é o que máis me importa deste proxecto, porque cando xa estaba deixando de gardar as instantáneas descubrín que xuntas podían significar moito e agora agardo poder convertelas nun libro de fotografías que saia proximamente. Nel metería un catálogo moito máis amplo. Esa é a miña idea.

—Esta exposición ten esa simboloxía poética pero tamén pode entenderse como un estar nas nubes constante. Que pensa que ten de bo esa capacidade para desconectar?

—Penso que todas estas imaxes son unha resposta do meu subconsciente que deixa entrever que necesitaba parar e respirar, estar nun instante para min soa. Por iso cada pouco viraba a vista cara arriba, atrapaba, soltaba o aire e volvía de regreso á realidade para poder seguir relacionándome.