Ana Cambón: «Traballar para a Axencia Espacial Europea era a máxima aspiración»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Ana Cambón na sala de control na que traballa
Ana Cambón na sala de control na que traballa cedida

Esta carballesa formada en Ourense é controladora da misión Sentinel-3

31 oct 2021 . Actualizado a las 23:16 h.

Ana Cambón Periscal (Carballo, 1998) forma parte da primeira promoción que saiu da Escola de Enxañería Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e na actualidade traballa como controladora para a Axencia Espacial Europea, contratada por Serco, nas instalacións de EumetSAT en Alemania.

-¿Como xurdiu esta posibilidade?

-Non foi algo que fose buscando. Estaba mirando prácticas cando apareceu esta oportunidade. Contactaron comigo por correo e comecei o proceso de selección. Tiña ofertas en Madrid, pero eran prácticas que podían chegar a converterse en contratos, non algo tan sólido como o que me ofrecían aquí. Pilloume moito por sorpresa e ata cheguei a ter dúbidas porque era un cambio moi radical e non estaba segura de se ía estar preparada, pero cando o pensei seriamente dinme conta de que era o tipo de oportunidade ó que non lle podes dicir que non: que o teu primeiro traballo sexa ser controladora dunha misión da ESA non é algo que che vaian a ofrecer cada día.

-¿Cal é a súa labor?

-Estou traballando como controladora da misión Sentinel-3, dentro do proxecto Copernicus. O meu traballo é controlar as operacións relacionadas cos satélites, recibir a información que xeran os seus instrumentos e tamén controlar a saúde xeral do sistema. Somos os que estamos en contacto directo cos satélites, o cal para min é unha experiencia moi importante porque durante os meus estudos fálase desas misións como algo moi abstracto, sabes que están aí, que hai xente facendo uso delas e pouco máis. Pero cando es ti mesmo quen está a cargo de revisar as alarmas, asegurarte de que todo vai ben, comandar as operacións e demais, creo que consegues certa perspectiva en canto ó que pasa detrás de cada misión espacial.

-¿Que lembra dese tempo de formación en Ourense?

-O comezo foi algo caótico. Supoño que é de esperar dunha carreira que acaba de comezar; pero sendo a primeira promoción é algo que tés que asumir que vai pasar. Cos anos a cousa foise estabilizando. En xeral estou contenta co nivel co que saímos.

-¿Que aspiracións tiña daquela?

-Sempre tiven moi claro, dende antes de empezar a carreira, que non quería dedicarme ao mundo aeronáutico, senón ao do espazo. Traballar coa Axencia Espacial Europea era a máxima aspiración á que chegar. Pero sempre pensei que sería moi complicado chegar a ese punto.

-¿Gustaríalle ter a posibilidade de facer o mestrado en Ourense?

-Persoalmente non tiña interese porque o que se ía ofrecer era o mestrado habilitante, máis enfocado ás persoas que queren entrar no sector aeronáutico ou traballar como enxeñeiros do Estado. Eu buscaba algo orientado á enxeñaría espacial, especializarme no que quero traballar.

-¿Qué lle parece que vaia ser compartido con A Coruña?

-Non estou moi posta na situación entre A Coruña e Ourense respecto ó mestrado, pero supoño que debería ter prioridade o campus no que se imparta a carreira. Non sei que tipo de acordos buscan, se impartir ambas o mesmo programa ou se queren dividilo, pero ese último caso non ten moito sentido; dificultaría moito a vida ós estudantes.

-¿Hasta cando ten contrato?

-O meu contrato é permanente, con posibilidades de avanzar e ascender. Foi unha das cousas que me chamou a atención cando fixen as entrevistas: non só a estabilidade que me ofrecían, tamén as posibilidades de ir formándome a medida que traballo para adquirir novas responsabilidades. A curto prazo véxome aquí, porque o ambiente de traballo é moi bo e estou cómoda, pero non me cerro a traballar en distintos países. Sempre quixen vivir esa experiencia.

-¿Non lle gustaría volver?

-Actualmente estou rematando un mestrado en Madrid, que fago de xeito telemático aínda que teño que volver para facer os exames. A verdade é que estou moi cómoda en Alemaña, aínda que tamén é certo que a maioría dos que traballamos aquí no sector espacial xuntámonos entre nós, polo que é moi fácil comunicarse e facer amizades xa que todos falamos inglés. Gustaríame volver a España nalgún momento, pero agora quero aproveitar a oportunidade porque ademais as condicións que se ofrecen son moi distintas e é difícil atopar un traballo no sector en España que poida competir con isto. Boto de menos moitas cousas, a verdade: á miña familia e os meus amigos, pero tamén a comida e a forma de vivir, porque aquí teñen unha gastronomía e cultura totalmente distintas. Nunca se está tan ben coma na casa. Pero en xeral, estou contenta, diría que Alemaña me está tratando ben.