«Eu sempre escribín poesía, pero xamais pensara en publicar os meus versos»

OURENSE CIUDAD

Ramón Loureiro

Reivindica a importancia de ir máis alá da evidencia e de mirar sempre lonxe

25 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Iustrador de longa e prestixiosa traxectoria, pintor e debuxante capaz de crear o seu propio universo, e, ademais de todo iso, narrador de éxito, Antonio Seijas (Ares, 45 anos) vén de adentrarse agora, tamén, no mundo da poesía. E faino gañando, co seu primeiro poemario, que leva por título Teorías do Fin, o Premio Cidade de Ourense.

-Cal foi o camiño que o levou a vostede ata a poesía?

-A min interésame todo tipo de arte. E a verdade é que eu sempre escribín poesía. Escribo poesía, de feito, desde que era moi novo. Pero ata agora xamais pensara en publicar os meus versos. Quizais por iso esta nova faceta miña, que en realidade como digo non é tan nova, foi unha sorpresa para tanta xente.

-E como naceu este libro, que tras recibir o premio da cidade de Ourense verá a luz nos próximos meses?

-Este libro naceu do desexo de escribir algo, como poeta, que estivese dotado dunha certa unidade, de verdadeira cohesión interna. E así comecei a traballar arredor das teorías do fin do universo. Unhas teorías que, en realidade, a min me deron pé para falar da extinción: da ausencia da nai, do amor que remata...

-Un libro no que imaxino, polo que vostede adianta, que debe de estar moi presenta a dor.

-Moi presente, si. A dor sempre está aí. Por iso este é un libro que fala, fundamentalmente, sobre o baleiro.

-Que é hoxe a poesía para vostede?

-É o que me permite achegarme ao que está máis alá dos sentidos, onde talvez todo sexa luz.

«Quixen unir o máis persoal co eterno, que non deixa de ser a mesma cousa» 

Insiste Seijas en que o seu novo traballo, o seu primeiro poemario, é un libro que «foi aparecendo» por si mesmo, xa que a súa «idea inicial» non era escribir un libro de versos. «Este é un libro -explica Antonio- que empecei a escribir como fago sempre, sen maior pretensión. Pero enseguida comecei a decatarme de que todo fluía, e de que non paraban de xurdir máis versos. Nese momento foi cando comecei a pensar que podía intentar facer algo máis longo».

-Cal foi a razón de que decidise dirixir a súa mirada ás teorías sobre o fin do universo?

-A idea das teorías dos posibles fins do universo pareceume moi axeitada para poder unir o máis fondamente persoal co máis fondamente eterno, que non deixan de ser unha mesma cousa. Trátase de caer no interior de un mesmo para mergullarse no infinito do universo. O libro fala de fins, pero eses fins son a excusa para explorar os baleiros. Esa é a auténtica cerna do texto.

-¿Como foi o proceso de escritura?

-O habitual en min: eu nunca adoito escribir dun xeito liñal. Xorden moitas frases e páragrafos que vou anotando...

-Como nunha búsqueda...

-Son frases e parágrafos aos que nun primeiro momento nunca lles vexo sentido. Pero despois todo vai adquirindo unha especie de orde que fai que ese sentido apareza. É coma nun quebracabeza no que a imaxen non aparece ante min ata o final.

«Vivimos un tempo no que a cultura parece desaparecer do espazo público» 

Advirte Antonio Seijas que estes «non son bos momentos nin para a creación nin para os creadores». E anota, de feito, que «vivimos un tempo no que a cultura parece desaparecer do espazo público», porque é «como se xa deixase de interesarlle á sociedade».

-Véxoo moi pesimista...

-¿Como podería ser optimista, co que estamos vivindo? E hai algo que me preocupa dun xeito moi especial, e que me entristece...

-¿E que é?

-Ver que esta situación, o desinterese pola cultura, tende incluso a ir a máis entre os rapaces, entre a xente nova. Non se pode xeralizar, naturalmente, e nada está máis lonxe da miña intención que ser inxusto, porque entre os rapaces hai sensibilidades moi distintas, naturalmente. Pero eu, en xeral, vexo que a cultura, e todo canto ten que ver cunhas formas de creación artísticas mínimamente ambiciosas, que van máis alá dos territorios do ocio, está importando cada vez menos.

-¿Iso é irreversible?

-Non o sei, pero eu percibo que despois da pandemia hai como un ansia tremenda de divertimento, de pasalo ben, mais non tanto de consumir produtos culturais, en contra do que se está dicindo.

-Aínda así, as cifras de venda de libros experimentaron un incremento moi importante.

-Si, é verdade. Os libros fixéronlle moita compañía á xente durante o confinamento. Pero haberá que ver cantos deses libros son obras verdadeiramente literarias. O ocio é necesario, por suposto. Imprescindible. Pero a cultura fainos mellores e permítenos mirar máis lonxe, prescindindo das evidencias para mirar dentro de nós mesmos. Nunca fun unha persoa desesperanzada, pero agora non vexo razón ningunha para botar a voar as campás. Son momentos difíciles.