Primeiro, unha vivenda

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE CIUDAD

17 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O17 de outubro é o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, correspóndenos a todos sumarnos na mesma dirección. A covid non fixo máis que agravar a situación arrastrada dende o 2008. Aproximadamente uns 12 millóns de persoas no Estado atópanse nunha situación económica precaria. Estas veciñas e veciños esfórzanse tanto ou máis ca min ou ca ti, pero as circunstancias externas impiden saír do circuíto no que todos rodamos. Unha das reclamacións que se fan dende as asociacións que afrontan día a día a loita contra a pobreza é a excesiva burocracia á que se nos somete para acceder aos nosos dereitos, co agravante, que ás veces resulta ata humillante, de petar na fiestra nunha administración, para logo ir a outra porta e non arranxar. Morrer sen cobrar é moda. Na xestión eficiente dos recursos administrativos gañamos todos como colectivo.

Como o día é sinalado, farei mención ao principal problema: a vivenda, a necesidade humana básica. O mercado, tan eficiente a veces, non o é en Ourense, que presenta a porcentaxe de vivenda valeiras máis elevado do país, e a súa vez o número maior de grandes propietarios -miles de veciños con dez inmóbeis ou máis-. Pódese supoñer que estamos nunha área urbana moi rica en emprego, existe tal oferta de vivenda porque hai moita mobilidade laboral, un mercado do alugueiro moi activo. Os propietarios axustan a demanda á oferta. Esta sería a hipótese, pero a realidade é que os pisos quedan baleiros porque imos traballar fóra, e así, van quedando un tras outro. Coa esperanza de volver a traballar na terra dun, pasan os anos.

As estatísticas recollen que tanto os salarios e as pensións son as máis baixas de Galiza

-ademais temos unhas diferenzas notables entre homes e mulleres, estando elas máis precarizadas-. Como exemplo, Ourense; os salarios medios son practicamente o mínimo interprofesional. A recomendación consensuada dos economistas é dedicar o 30 % dos ingresos ao gasto na vivenda. Con estes números busquen agora unha vivenda por menos de 350 euros en Ourense cidade con gastos de suministros incluídos. Se non atopan ningunha, volvan a buscar.

Temos un serio problema a hora de casar os dereitos a unha vivenda, así recollido na nosa Constitución, co acceso real a unha vivenda. Escoitando as recomendacións da OCDE, é necesario vivenda pública, con isto quero dicir usar solo público, unha empresa pública e edificar de xeito eficiente e sostible unha bolsa de vivendas para non deixar a ninguén atrás. Repito, a vivenda e a primeira das necesidades: non podes ter saúde sen unha vivenda (a esperanza de vida é 30 anos menor nos veciños sen fogar), non podes ter unha educación competente sen un cuartiño onde estudar, e non podes ter un desenrolo persoal sen unha vivenda digna.

Por iso, primeiro a vivenda.