José Coronado recibirá o Premio OUFF Televisión 2021

La Voz

OURENSE CIUDAD

cedida

O actor recollerá o galardón nunha gala que se celebrará o día 29 e na que se estreará o primeiro capítulo de «Entrevías»

20 sep 2021 . Actualizado a las 14:44 h.

O Festival Internacional de Cine de Ourense entregará o seu premio OUFF Televisión deste ano ao actor madrileño José Coronado. Recollerá o galardón nunha gala que se celebrará o día 29 de setembro e na mesma tamén se procederá á estrea, en exclusiva, do primeiro capítulo da nova serie na que está a participar Coronado, a titulada «Entrevías».

O OUFF acordou conceder a distinción «en recoñecemento á súa extensa carreira en televisión, onde nos deixou papeis memorables en series como 'Brigada central','Periodistas', 'Acusados', 'El Príncipe', 'Gigantes' ou 'Vivir sin permiso' e que agora estrea 'Entrevías'». Esta serie, que axiña se poderá ver na televisión, é un traballo que está a rodar na actualidade para Mediaset España e trátase dunha nova fición que o grupo produce xunto a Alea Media. O primeiro capítulo da mesma estrearase, en exclusiva, en Ourense, no marco da gala na que o OUFF entregará o premio a José Coronado. Desenvolverase o próximo día 29, no Teatro Principal da cidade. Coronado toma o relevo da actriz galega Cristina Castaño e da serie «La que se avecina», que recibiron o OUFF Televisión no 2019 e 2020, respectivamente. 

O Festival de Cine Internacional de Ourense decidiu crear un premio para o sector para «salientar o pulo que a fición televisiva está a tomar nos últimos anos, co engadido de incorporar recursos e estruturas narrativas tomadas do cine, ademais da propia dinamización do sector». 

José Coronado é na actualidade un dos actores máis recoñecidos e premiados do panorama español. Gañador do Goya en 2012 pola súa interpretación en «No habrá paz para los malvados», de Enrique Urbizu, conta no seu currículo profesional con case que corenta películas, máis dunha ducia de obras de teatro e decenas de papeis en series para televisión. Estivo dúas veces nominado ao Goya como mellor actor de reparto: por «Goya en Burdeos», de Carlos Saura, e por «La caja 507», de Enrique Urbizu.

Neste ano Coronado estreou a serie «El inocente», de Netflix, e a mesma conseguíu un gran éxito internacional de público. Neste proxecto comparte protagonismo con Mario Casas e Alexandra Jiménez. «Entrevías», a serie que está a gravar para Mediaset, é un drama urbano que protagoniza xunto ao actor galego Luís Zahera e a nova actriz Nona Sobo. Narra a historia de Tirso Abantos, un home de principios cuxa existencia sosegada e rutineira dá un xiro cando a súa neta adolescente irrompe de cheo na súa vida.