Pablo Corzo: «É bo que nos esixan desde o minuto 1»

m. RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Agostiño Iglesias

O central cumpre a súa quinta temporada na Unión Deportiva Ouense e pensa que o proxecto  é bonito

23 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Álvarez Rodríguez, (Ourense, 1991), Pablo Corzo, cumprirá este ano a súa quinta temporada na Unión Deportiva Ourense. Rematou unha primeira semana de traballo na que se coñeceron os novos xogadores e puxéronse ás ordes directas de Jorge de Dios e Toni Álvarez. O central ourensanista indica que os adestradores xa lle mandaron deberes físicos para facer pola súa conta antes de empezar a pretemporada e chegar deste xeito xa cunha base de forma.

-É dos que para totalmente a actividade física nas vacacións ou segue co deporte?

-Algo sempre se fai, pero como acabamos tarde, o 20 de xuño, tiven algo de parón porque necesitaba desconectar tamén dunha oposición que estaba a preparar. Ao falar con Jorge e Toni xa nos mandaron un traballo para ir facendo pola nosa conta.

-Adoita facer unha carga física moi alta nestas alturas ou vaise modulando para chegar ata o final?

-A preparación é para xogar cada sete días. Hai que competir todas as semanas hai que estar ben todas a semanas, Hai momentos nos que se pode acumular máis fatiga ou menos, non todos son un dez nin un suspenso e máis nun deporte colectivo, pero a preparación ten que ser a mellor posible.

-Foi necesario desconectar mentalmente tralo descenso para pasar páxina?

-Ao final acabou en descenso. En frío, sigo pensando que non foi de todo xusto, poucos equipos descenderon con 46 puntos. O formato de oito descensos foi unha animalada; este ano só baixan tres, foi así sobre a marcha e tocounos. Foi un pau, ao estarmos no club da cidade, un fracaso; é duro pero son dos que pensan que se aprende máis das cousas malas que das boas, que camuflan erros. Coido que é unha aprendizaxe que lle vai vir ben ao club.

-Que tal co novo corpo técnico?

-Moi ben. A Toni xa o coñecida e con Jorge coincidín como compañeiro no CD Barco. Sei como traballa e como vive o fútbol. Teñen todo moi planificado e estruturado. Agora hai que ir encaixando as pezas, foi a primeira semana longa e hai que interiorizar o que nos piden. E eu tentarei estar o mellor posible para o rol que me pidan e o que queiran en cada momento.

-Que impresión ten da plantilla, coas saídas e altas que houbo?

-O equipo que trataron de formar vai ser moi competitivo, Xente de fóra como Gabi ou Champi, que podían seguir en Terceira decidiron quedar. Mantívose un bloque do ano pasado que se quería manter. Os reforzos son bos para a categoría na que vamos a xogar. É fútbol, que pode ser cruel, hai xente que vai, xente que vén, hai que adaptarse.

-Nesta categoría, a UD Ourense vai estar esixida desde o primeiro minuto. É bo?

-É bo que se nos esixa desde o minuto un. Non penso que sexamos o equipo a bater; hai moitos equipos competitivos no grupo no que estamos nós e nos outros grupos tamén. O obxectivo é estar o máis arriba posible, pero cos pés na terra. Hai que saber xestionar a presión, outros equipos estarán coma nós.

-No seu caso, por que decidiu renovar?

-O que motiva é xogar no Ourense, é e un orgullo, un privilexio. Este ano non dubidei moito, porque o proxecto é bonito e a xente que está dentro é moi boa e competente. A afección é o maior aliciente e viuse neste ano cando as cousas non ían tan ben. Nas Pontes había una grada enteira chea de Ourense inda que era complicado.