O fomento da lactación materna, un piar fundamental

Firma Invitada FIRMA INVITADA

OURENSE CIUDAD

Exposición sobre lactancia materna en la rúa do Paseo de Ourense
Exposición sobre lactancia materna en la rúa do Paseo de Ourense Santi M. Amil

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Semana Mundial da Lactación Materna proclamada oficialmente por OMS e UNICEF no ano 1992, celébrase en máis de 170 países do 1 ao 7 de agosto co obxectivo de promover a

lactación materna e mellorar a saúde dos bebés. En Europa, para evitar o período vacacional, a celebración terá lugar na primeira semana de outubro. O lema para este ano é «Protexer a lactación materna: unha responsabilidade compartida, e incide na necesidade de formar unha cadeia efectiva de apoio á lactación materna; trala chegada da pandemia pela covid-19 o acceso á lactación materna vese limitado e condicionado pola sobrecarga dos sistemas de saúde e polas esixencias de distanciamento social.

Sábese que máis de 820.000 nenos e nenas salvarían a vida cada año coa lactación inmediata tralo parto e tamén que mellorar as cifras de lactación materna no mundo podería previr unhas 20.000 mortes maternas cada ano por cancro de mama e de ovario. Aproveitando a proximidade desta celebración a nivel mundial, os representantes da Comisión de Lactación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, queremos dar a coñecer á poboación en xeral e especialmente a embarazadas, puérperas e lactantes os cometidos desta entidade, ao tempo que nos gustaría falar da Guía de Apoio á Lactación Materna para Profesionais, que estamos a difundir na nosa área. Esta comisión, formada en xullo do 2015, reúne a un grupo multidisciplinar de profesionais sanitarios (pediatras, obstetras, enfermeiras, TCAE, matronas, médicos de familia...) pertencentes aos tres hospitais da área e do ámbito da atención primaria.

Conscientes da necesidade de unificar criterios de atención, iniciouse a elaboración dunha guía de apoio que se rematou no ano 2019 e que recentemente comezouse a difundir a través de enderezos electrónicos dunha grande maioría de profesionais sanitarios. Trátase dun texto adaptado á nosa realidade, estruturado en nove áreas de traballo e unha última parte formada por anexos que darán resposta a situacións máis concretas, como pode ser o manexo de afeccións do peito, o cultivo de leite materno, o coleito ou a alimentación complementaria, enre outras.

Outros dos nosos obxectivos é facilitar formación actualizada para os profesionais e realizar un diagnóstico da situación actual na nosa área en cuanto a estatísticas de lactación. Ata a data só contamos con datos estatísticos no hospital comarcal do Barco, onde realizaron varios estudios sobre duración e abandono da lactación e coñecementos das xestantes. A nivel mundial so un 40 % dos lactantes de 0 a 6 meses reciben lactación materna exclusiva, e as tasas en España tampouco son óptimas, reducíndose do 73,9 % ás seis semanas post-parto ao 39,0% aos seis meses (Encuesta Nacional de Salud y Nutrición. 2018).

A formación actualizada dos profesionais é a espiña diaria no fracaso de moitas lactacións, pola falta de coñecementos actualizados que levan á que fagan recomendacións ás familias contraditorias, sen evidencia... Insistimos na necesidade de que se fagan cursos de formación e tamén de actualización para tódos e todas as profesionais implicados na atención á embarazadas, parturientas ou lactantes. Fomentar a participación e colaboracións cos grupos de apoio locais debe ser prioritario entre os cometidos desta comisión, unha representante dos grupos forma parte desta comisión e participa activamente para acadar os obxectivos.

A través dela chégannos experiencias e opinións de nais e familias sobre o apoio que reciben. Nos últimos meses transmitíusenos o malestar das familias manifestado publicamente en redes sociais, e que ten que ver principalmente con informacións e recomendacións contraditorias por parte dos profesionais que as atenden. Consideran que existe unha falta de actualización dos coñecementos de moitos profesionais sobre a lactación materna e polo tanto as súas actuacións non respectan as recomendacións. Así mesmo manifestan o seu enfado por respostas recibidas dende atención ao paciente ás súas reclamacións, que non consideran coherentes as súas demandas.

Dende esta comisión gustaríanos transmitirlle ás familias o noso pesar polos acontecementos que nos refiren e dicirlles que seguiremos traballando para buscar solucións na medida das nosas posibilidades. E dicimos isto porque tanto o avance na solución dos problemas como o establecemento de políticas protectoras da lactación dependen maioritariamente da xestión dos responsables da área, é así que as integrantes desta comisión sentímonos frustradas e atadas de mans para poder resolver situacións que realmente beneficien e protexan a lactación porque como órgano somos asesores pero non contamos cos medios para resolver.

Unha vez máis remarcamos a necesidade de implicación dos responsables sanitarios. Tentando establecer unha comunicación máis efectiva cos profesionais desta área, estamos difundindo un cartel no que aparece o noso enderezo electrónico (Comision.Lactacion.Materna.Ourense@sergas.es ) e para as familias incidimos en que a mellor maneira de resolver calqueira dúbida sobre o aleitamento é contactar coa matrona de referencia, como primeira opción.

Agardamos poder publicar a través doutras canles a guía de apoio dado que tanto o noso anterior xerente, Julio Comesaña, como o actual, Félix Rubial, recoñeceron o bo traballo efectuado e comprometéronse a darlle continuidade. Esta comisión considera que o fomento da lactación materna e o respecto e apoio ás decisións das nais constitúen dous pilares fundamentais na humanización, tan necesaria, dos procesos fisiolóxicos que engloban a maternidade (xestación, parto e crianza) e que contan co aval de evidencia científica dispoñible. Finalmente, queremos agradecer a todos e todas as profesionais, familias e persoas implicadas no éxito de cada lactación materna, porque co esforzo de cada un, por pequeno que poda parecer, conséguense grandes logros de saúde para a nosa poboación.

A comisión de lactación da área sanitaria de Ourense, Verín y O Barco.