Xosé Somoza: «Ourense teno todo, pero falta espírito conciliador e colaborador»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Somoza, en el instituto de As Lagoas de Ourense
Somoza, en el instituto de As Lagoas de Ourense MIGUEL VILLAR

O exconcelleiro na capital, polo BNG, cre que a cidade necesita un cambio de actitude para avanzar

19 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Reparte a semana entre dúas cidades. As de Ourense e León. Aquí está a casa e a familia, en Oira, e en León exerce dende hai case que cinco lustros como profesor na universidade. Recoñece que vivir a cabalo entre as dúas non é a mellor opción cando tes tres fillos pequenos -de 12, 8 e 4 anos- e por iso tenta concentrar as súas responsabilidades docentes «para pasar tres ou catro días alá e outros tantos aquí, en función do traballo». Considera que é un exemplo dos tempos dunha sociedade, a actual, marcada pola mobilidade e sinala outros casos semellantes -ou con máis dificultades-. A reflexión é obvia e a resposta tamén: é complicado o retorno cando se trata dun sector marcado pola endogamia. Non perde a esperanza e sigue loitando para que sexa realidade o regreso.

Centrado profesionalmente na docencia na Facultade de Económicas e Turismo, pon o foco nunha realidade que poucas veces se quere ver cando se traballa co tópico de que o futuro pasa polo sector. Experto no desenvolvemento das sociedades a través do turismo, recoñece que «se nos fixamos na ‘España vaciada’ o que se fai en turismo son investimentos practicamente sen retorno que non van frear o despoboamento». Incide Xosé Somoza en que é máis rendible e efectivo traballar na creación de infraestruturas básicas para dar resposta ás necesidades e aproveitar o vencello dos antigos poboadores. «Xente que ten relación familiar e recupera unha casa que pode ser segunda residencia, e que ao mellor logo se converte en primeira. Veciños que emigraron volven cando se xubilan se hai infraestruturas para dar resposta ás súas necesidades e ter calidade de vida. Iso é máis efectivo, porque non todo lugar se converte nun destino turístico por meter alí unha atracción. A xente é moi selectiva, cada vez máis, á hora de planificar os seus desprazamentos».

Somoza Medina foi recoñecido co premio extraordinario de doutoramento pola tese titulada Desenvolvemento urbano en Ourense 1895-2000 e é autor do libro de referencia Historia de Ourense (Duen de Bux, 2010). Para a tese leu milleiros de páxinas dos diarios de sesións do Concello e sinala que a cidade segue instalada na retórica da falta de coñecemento das posibilidades de seu e mantense o enfrontamento diario e a loita continua. «Ourense ten moitas potencialidades: atractivos naturais, recursos agrogandeiros, un casco histórico con moita riqueza patrimonial. Fai falta crer no propio para sacar iso adiante. Ourense teno todo, pero falta espírito conciliador e colaborador», apunta.