A orixe comercial de Ourense aparece recollida nun libro de Alberto Pascual

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

cedida

O libro «Ordenación medieval do mercado auriense» foi editado pola Deputación de Ourense

29 jun 2021 . Actualizado a las 14:42 h.

Un traballo de investigación de Alberto Pascual Carballo, exdirector da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense, analiza e estuda o réxime xurídico e o marco histórico, social e urbano que deu lugar ao asentamento poboacional no Ourense do século XI. O libro Ordenación medieval do mercado auriense foi presentado onte na Deputación ourensá, entidade editora do mesmo, polo vicepresidente César Fernández Gil e polo autor da publicación.

Segundo Alberto Pascual, o o libro recolle a historia da cidade de Ourense «no momento no que se restaura a sede Auriense e se constitúe como unha agrupación de persoas, a finais do século XI. Unha época na que resultaba moi difícil vivir aquí ao non contar a cidade cunha muralla, o que provocaba, daquela, unha importante inseguridade». Repasou, no acto de presentación, o proceso levado a cabo para conformar unha publicación que analiza a orixe urbana e institucional da «civitas auriense» no medievo: os aspectos normativos do mercado; a ordenación xurídica local, e o desenvolvemento da actividade económica nesa etapa histórica de finais do século XI, xunguida á restauración da sede episcopal e suxeita á autoridade xurisdicional do seu prelado, baixo os condicionantes substanciais da contención árabe e da repoboación territorial.

Para César Fernández Gil o traballo de Pascual Carballo achegará ao lector á historia de Ourense «a través do mundo dos mercados, unha das fórmulas de relación e desenvolvemento social que marcan a idiosincrasia dun pobo». Na publicación figura unha presentación do presidente da Deputación, José Manuel Baltar, no que se asegura que a obra Ordenación medieval do mercado auriense é un traballo necesario para coñecer a historia da cidade.